Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 02/06/2025 | Actualizada ás 11:07
Temor a un peche de Einsa Print, na planta das Pontes. A través dun comunicado remitido pola CIG, o comité incide en que, tras un expediente de regulación de emprego (ERE) "traumático" hai pouco máis dun ano, no que se prescindiu de algo máis de 120 empregados, a fábrica experimentou unha "progresiva decadencia" impulsada, segundo denuncian os representantes dos traballadores, pola propia dirección da empresa. Esta situación maniféstase nunha constante perda de carga de traballo, a venda de maquinaria en perfecto estado e o despezamento doutras máquinas esenciais para a produción, insisten.
O comité asegura levar varias semanas solicitando explicacións e información á dirección sen obter resposta algunha. Esta falta de transparencia na comunicación "non fai máis que aumentar a incerteza e a preocupación entre o persoal da imprenta", que supera os 100 traballadores. A esta situación súmanse os rumores que circulan nos últimos días sobre un posible cambio de actividade da empresa, que, de confirmarse, implicaría o peche definitivo.
En concreto, segundo indica en declaracións a Europa Press o secretario da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, os rumores apuntan á utilización dos almacéns de Einsa Print para que Ence poida empregalos de forma provisional mentres non constrúe a súa factoría na zona. A representación do persoal esixe á dirección que aclare dunha vez por todas o futuro da planta e advirte que, "de continuar esta liña oscurantista ou se ven ameazados os seus postos de traballo, levarán adiante as mobilizacións que estimen oportunas".
BESTEIRO CUALIFICA O PROXECTO DE "COMPETITIVO E INTERESANTE"
Tamén nas Pontes, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de "competitivo e interesante" o proxecto "top" de "economía circular" de Ence para pór en marcha unha planta de biofibra reciclada branqueada no concello e asegurou que ten "diferenzas notables e notorias" con Altri. Besteiro pronunciouse deste xeito as ser preguntado este luns por este proxecto, que acaba de ver aprobada a súa declaración de impacto ambiental (DIA) por parte da Xunta.
Na súa intervención, sostivo que a posición da súa formación sobre este proxecto é "moi favorable" ao considerar que é "moi interesante para As Pontes e tamén para Galicia" e que ten "diferenzas notables e notorias" con outros proxectos de "macrocelulosas como é o de Altri". O secretario xeral do PSdeG, que dixo que se trata de "un proxecto top de economía circular" cun espírito "verde" e de "reciclaxe" que "non ten nada que ver con outros proxectos".
Ademais, puxo en valor que "actúa nun ámbito de transición enerxética, de recuperación dun territorio industrial como é As Pontes" tras o peche da central térmica. Pola súa banda, tamén preguntada respecto diso, a líder do BNG, Ana Pontón, dixo que a súa formación está a analizar a documentación desta iniciativa para ver o seu impacto, pero lembrou trátase dun proxecto" que caeu dos fondos Next Generation por non cumprir cuns mínimos" ao non ser contemplado no Perte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.