Besteiro insta a Rueda a defender os intereses de Galicia na Conferencia de Presidentes fronte aos Xénova

O secretario xeral do PSdeG esíxelle que acepte a condonación da débeda e priorice asuntos como a vivenda, sanidade, a defensa do galego na Unión Europea e a industria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2025 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que defenda os intereses de Galicia fronte aos de Xénova na Conferencia de Presidentes que terá lugar o vindeiro venres e que acepte a condonación da débeda e priorice asuntos como a vivenda, sanidade, a defensa do galego na Unión Europea e a industria.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, Besteiro esixiu a Rueda que poña por diante os intereses de Galicia fronte ás imposicións de Xénova de face á cita que terá lugar en Barcelona, na que considera que o titular da Xunta debe "estar presente" para Galicia obteña as "respostas urxentes polas que levan 16 anos esperando, desde a chegada do PP á Xunta".

Deste xeito, Besteiro emprazou ao máximo mandatario autonómico a abandonar a estratexia do seu partido e "estar presente" na Conferencia de Presidentes con propostas en positivo porque "as comunidades autónomas que suman conseguirán avances" no encontro do próximo venres que, segundo censurou, o PP está "a tentar boicotear". Así, sinalou que "se hai recursos enriba da mesa non pode levantarse e irse". Por iso, reclamoulle que esixa a condonación da débeda que, conforme indicou o socialista, suporá "ao redor de 600 millóns de euros que Galicia poderá destinar a mellorar os servizos públicos", como a sanidade pública e a atención primaria.

Tamén lle afeou ao presidente da Xunta que afronte unha semana decisiva sen un plan ambicioso en materia cando, conforme sinalou, o rexistro galego supera os 21.700 demandantes de vivenda protexida. Ademais, criticou que a Xunta "segue aprazando a resposta ao problema" cando nos últimos tres anos "os alugueres dispararanse máis dun 27 % e o salario tan só o 8 %".

Así mesmo, esixíronlle ao Goberno galego que "de respostas agora" actuando sobre o parque de vivenda baleira e un Plan de rehabilitación eficaz tanto na zona rural como urbana, porque os galegos "non poden esperar á construción de vivenda nova dentro de catro anos". Besteiro esixiu ao presidente da Xunta que de resposta á súa defensa "ou non" da declaración do galego como lingua oficial nas institucións europeas porque, sinalou, "non valen máis enganos"-

Así, afeoulle que votasen no Parlamento de Galicia a favor da proposta socialista para defender o galego nas institucións europeas ao mesmo tempo que o PP estaba "a manobrar contra o uso da lingua nas institucións europeas". Finalmente, o responsable socialista reclamou ao presidente da Xunta unha posición activa e "liderado" no desenvolvemento industrial de Galicia, despois de constatar que se presentará este venres sen un Plan industrial actualizado nin unha aposta clara pola industria galega.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en rolda de prensa
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en rolda de prensa | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta