A Xunta intermedia no conflito sobre o futuro dos talleres de Renfe en Galicia e solicitará ao Ministerio unha "folla de ruta clara"

A CGT traslada a "inquietude" que a licitación do mantemento das locomotoras produce no persoal do taller de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/06/2025 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprometeuse a solicitarlle ao Ministerio de Transportes unha folla de ruta "clara" e "precisa" sobre o futuro dos tres tallares de Renfe na Comunidade, así como a creación dunha base para o mantemento de trens de alta velocidade. Así o trasladou a Xunta nun comunicado, no que informa de que o titular de Presidencia, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse este luns con representantes do sindicato CGT en Renfe, que reclamaron o apoio da Xunta ante o anuncio da compañía ferroviaria de licitar o servizo de mantemento das locomotoras, o que, segundo denuncian, "supón unha externalización e pon en risco a viabilidade do taller en Ourense".

Na reunión, Diego Calvo asegurou que o Goberno galego comparte a preocupación dos traballadores pola situación dos tres talleres de Renfe, situados en Redondela, Ourense e Ferrol, polo que se comprometeu a contactar co departamento que dirixe Óscar Puente para solicitarlle unha folla de ruta clara e precisa sobre o futuro destas instalacións e, de forma específica, do caso ourensán tras o anuncio da licitación. O conselleiro incidiu na necesidade de coñecer cales son as previsións de negocio e os retos para os próximos anos.

A maiores, Diego Calvo confirmoulles aos traballadores que a Xunta se une á súa demanda de creación en Galicia dunha base para o mantemento dos trens de alta velocidade, concretamente dos Avril, que son os que funcionan en Galicia, co obxectivo de consolidar o emprego ferroviario na comunidade. Para o conselleiro, a importancia estratéxica das instalacións ourensás fai imprescindible a súa supervivencia. "Eliminar este taller suporía un novo agravio a Galicia, xa que debilitaría aínda máis a infraestrutura ferroviaria da comunidade, que ademais acumula proxectos e investimentos pendentes", engadiu.

FALTA DE RESPOSTA DO GOBERNO CENTRAL

Diego Calvo incidiu nas reiteradas demandas do Goberno galego ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable que seguen sen resposta, ademais da petición dunha reunión que non chega a materializarse. Deste modo, referiuse ás declaracións efectuadas esta fin de semana polo secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, sobre falta de colaboración da Xunta co Estado como "sorprendentes". Diego Calvo sostivo que o Goberno galego "segue á espera" do "prometido interlocutor con Renfe" para "non seguir tendo coñecemento das incidencias e dos anuncios sobre proxectos e investimentos nos servizos ferroviarios galegos a través dos medios de comunicación".

Con respecto ao anuncio de Santano dunha análise da viabilidade para unha rede de proximidade da Coruña a Vigo para 2026, o conselleiro apuntou que a Xunta espera ser convocada antes de facer ningún tipo de anuncio, posto que tamén ten demandas neste sentido para a creación dunha verdadeira rede de proximidade en Galicia, e non sabelo pola prensa "como adoita facer o Ministerio". Diego Calvo incidiu tamén na urxencia de que se solucionen os continuos problemas da media distancia en Galicia por unha "mala xestión", "con constantes avarías, incidencias, falta de comunicación e dificultades na compra de billetes".

POSTURA DOS TRABALLADORES

Pola súa banda, noutro comunicado, o sindicato CGT Renfe explicou que os seus responsables en Galicia e Ourense trasladáronlle ao conselleiro a inquietude que produciu no cadro de persoal a licitación do mantemento das locomotoras 333 e subliñáronlle a súa capacidade para facer o mantemento cuns niveis de dispoñibilidade e fiabilidade que "dificilmente vai alcanzar a empresa privada". O sindicato tamén explicou que informaron ao conselleiro das reunións mantidas coa dirección de Renfe, nas que, segundo sinala, houbo "inconcreción por parte dos seus responsables" sobre a reorganización das cargas de traballo e investimentos de futuro para o taller de Renfe en Ourense.

Neste sentido, reclaman da Xunta que requira de Renfe e o Ministerio unha maior concreción do futuro do taller en Ourense, dun plan de investimento e de datas de execución dos mesmos e dos contratos de mantemento previstos para asignar a esta dependencia de Renfe no futuro. A CGT tamén apuntou que trasladaron a Diego Calvo os "incumprimentos" dos acordos alcanzados a nivel estatal entre o Ministerio e o Comité xeral de empresa de Renfe, onde se "plasmou un compromiso de mantemento das cargas de traballo de mercadorías no proceso de reestruturación desta sociedade do Grupo Renfe", cuestión que considera que a licitación do mantemento das locomotoras 333 que se reparan no taller de Ourense "incumpre de forma flagrante".

Así mesmo, transmitíronlle a proposta de construír unha base en Galicia para as revisións de mantemento de primeiro nivel dos trens Avril que fan os servizos Avlo e AVE entre Coruña/Vigo e Madrid, ao "estar saturados os talleres de Fuencarral" que nestes momentos fan este mantemento, complementando con iso os servizos ferroviarios que se prestan en Galicia. A CGT explicou que, tras esta primeira reunión, ten programados nos próximos días encontros con diferentes institucións no ámbito galego, entre as que se prevé citas cos responsables do BNG e do PSOE en Ourense.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reúnese con representantes da CGT
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reúnese con representantes da CGT | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta