O PP pide a dimisión do alcalde de Pontevedra polo aumento da inseguridade na cidade: "Sabíao e non fixo nada para evitalo"

"Ourense é segura, Ferrol é segura, Pontevedra é segura", dixo o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, tras as últimas pelexas rexistradas, apuntando que falar de bandas ou grupos organizados é "un salto que non se basea en ningún dato obxectivo".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 04/06/2025 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O grupo municipal do Partido Popular esixiu a dimisión do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "pola súa incapacidade para frear os problemas que afectan á seguridade dos pontevedreses". O PP deu unha rolda de prensa na praza de Barcelos, no mesmo lugar onde o pasado martes tres novos resultaban feridos por arma branca durante unha pelexa.

O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, e a concelleira e senadora popular, Pepa Pardo, expresaron a "fartura política e cidadá" que, ao seu xuízo, existe cara ao alcalde como "máximo responsable de manter a orde pública e a convivencia cidadá". O portavoz do PP sinalou que o seu partido leva "moito tempo avisando" de que "en Pontevedra existen graves problemas de convivencia focalizados, e que ía suceder unha desgraza". Segundo Rafa Domínguez, "o alcalde sabíao e non fixo nada para evitar que determinadas persoas, en determinados lugares, teñan comportamentos intolerables", dixo en referencia á existencia de liortas, pequenos furtos e agresións.

Rafa Domínguez lamentou que cando o PP alertaba "do risco de que sucedese unha desgraza maior se non se investía en seguridade", e pedía un reforzo das patrullas de axentes de Policía a pé e solicitaba a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade, "Lores dicía que no PP eramos uns esaxerados, uns alarmistas e que sobreactuábamos", engadiu. O PP insiste en que "o que está a ocorrer en Pontevedra é froito do abandono de Lores das súas funcións", e tamén polo "mínimo investimento" en servizos sociais e da "nula dotación" de recursos humanos e materiais para a Policía Local; "pero sobre todo é froito da soberbia dun alcalde que nega un problema de inseguridade latexante na cidade", reprochou.

O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, e a concelleira e senadora popular, Pepa Pardo, en declaracións
O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, e a concelleira e senadora popular, Pepa Pardo, en declaracións | Fonte: PP

PEDRO BLANCO PIDE "TRANQUILIDADE" E FALA DE "INCIDENTES ILLADOS"

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, pediu este mércores "tranquilidade" á cidadanía galega ante "incidentes illados" rexistrados na Comunidade nas últimas semanas, reivindicado que as urbes son "plenamente seguras". Así o sinalou ante os medios de comunicación tras ser preguntado por un presunto aumento de pelexas entre bandas en Galicia, tras a rexistrada na tarde deste pasado martes en Pontevedra.

Blanco mandou unha mensaxe de "tranquilidade, prudencia e mesura", subliñando que tanto Galicia como as súas cidades son "plenamente seguras" e insistindo en que a Comunidade é a terceira máis segura de toda España e unha das rexións con máis seguridade de Europa. Para el, estes incidentes son "temas puntuais", polo que se deu orde de "intensificar" as actuacións policiais en certas zonas, como no caso de Ourense.

"Ourense é segura, Ferrol é segura, Pontevedra é segura", destacou Blanco, apuntando que falar de bandas ou grupos organizados é "un salto que non se basea en ningún dato obxectivo". Cuestionado sobre as patrullas veciñais que xurdiron en Ourense por mor dos últimos altercados, Blanco dixo que non é necesario substituír as forzas e corpos de seguridade do Estado por esta clase de iniciativas, pedindo "colaboración" coa Policía e que a deixen facer o seu traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta