A Xunta quere "neutralidade ideolóxica" nos centros escolares ante o xenocidio en Gaza ou a Guerra de Ucraína

Para Educación, os principios que deben primar son os "valores constitucionais, o pluralismo social e o pensamento crítico". Anpas Galegas piden explicacións ao conselleiro por esta nova norma.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 04/06/2025 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP presentou este mércores ante a xunta autonómica de directores as instrucións de organización do próximo curso, entre as que incluíu a "defensa dos valores constitucionais, a neutralidade ideolóxica, o pluralismo social e o pensamento crítico" nas actividades dos centros para garantir "a convivencia interna" e "o bo clima".

Así o trasladou o propio conselleiro, Román Rodríguez, aínda que non concretou como se implementará nos centros educativos. "Non quere dicir que non se poña unha bandeira, pero hai que facelo con respecto", apuntou a preguntas dos medios. Segundo explicou o titular de Educación, as actividades que se fagan nos centros deberán promover os "valores constitucionais, a neutralidade ideolóxica, o fomento do pluralismo social e do pensamento crítico e o respecto ás liberdades individuais".

Con este obxectivo, detallou, a instrución lembra que as actividades complementarias que se organicen, como visitas didácticas ou charlas, deberán servir para complementar a actividade lectiva e as aprendizaxes curriculares e ser equilibradas ao longo de todo o curso para evitar que se concentren no terceiro trimestre.

Preguntado sobre se se podería pór unha bandeira de Ucraína ou de Palestina, dixo que "non se trata diso" e aclarou: "Imaxína unha guerra entre Ucraína e Rusia, pois que non haxa uns coa bandeira rusa e outros coa bandeira ucraína, que haxa unha neutralidade, que as cuestións respondan a uns principios básicos e que haxa, dentro desa neutralidade, esa actividade que se expón ten sentido desde unha perspectiva curricular. Iso non quere dicir que non se poña unha bandeira, nin moito menos; pero hai que facelo con coherencia e respecto".

CRÍTICAS "DUN LADO E DOUTRO"

Tal e como sinalou o conselleiro, en ocasións trasladáronse críticas á Consellería "dun lado e doutro" sobre diferentes cuestións impartidas en actividades nos recintos educativos. Por iso, defendeu que debe haber un marco cuns principios que permitan "que haxa unha boa convivencia, neutralidade, pensamento crítico, valores constitucionais" e todo facelo dunha forma "ordenada".

En canto á orde, sostivo que o que se pretende é que non se concentren no último trimestre porque iso "xera unha distorsión" e un "desaxuste interno" na vida do centro. "Todo isto faise pensando na convivencia interna dos centros, procurando un bo clima", insistiu o responsable autonómico, que tamén detallou que outra das instrucións presentadas este mércores é a que regula "a hora de ler", que se establece nun tempo diario de entre 20 e 30 minutos en Educación primaria.

Neste sentido, manifestou que foi unha cuestión xa presentada dentro do programa de fomento das competencias lectoras e agora exponse as instrucións de como facelo para que se poidan desenvolver nos diferentes centros.

AUTORIDADE DO PROFESORADO

Doutra banda, a Xunta porá o foco o próximo curso no reforzo da autoridade do profesorado co obxectivo de chegar a unha "tolerancia cero" ante "calquera ameaza" cara ao colectivo. Así, explicou que queren que haxa un procedemento para tratar este tipo de circunstancias, tamén cando un docente se "sinta agredido a través de redes sociais ou de calquera medio dixital" para poder pór en marcha "os mecanismos para solucionalo".

MATRICULA 2025/2026

Doutra banda, a preguntas dos medios sobre as demandas de Anpas de mellorar os cocientes e a atención a alumnos con necesidades especiais aproveitando a baixada de alumnado, o conselleiro defendeu que xa está a facer ese reforzo.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez.. XUNTA
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez.. XUNTA | Fonte: Europa Press

CRÍTICAS ANPAS

Pola súa banda, Anpas Galegas esixiu unha explicación ao conselleiro. Nun comunicado, Anpas Galegas fixo referencia a algúns principios da Lomloe nos que fala de valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza e a educación para a convivencia, entre outros.

"En que quedamos? Educamos para fomentar todos estes valores ou educamos para todo o contrario?, para que os cambios sociais non se traten nos centros educativos, nin as inxustizas sociais, nin a situación dos desprazados polos conflitos bélicos, nin os centos de persoas que falecen cada ano no Mediterráneo buscando unha vida mellor ou nos nenos que morren de fame na Franxa de Gaza porque a política internacional non é capaz de evitalo", sinalaron no comunicado.

Ante isto, incidiron en que, se cadra, a Consellería "non teñen clara" a diferenza entre desenvolvemento de espirito crítico que "só é posible vivindo coa realidade", e adoctrinamiento que "só é posible anulando o espírito crítico, a liberdade de calquera manifestación do alumnado e do profesorado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta