Arrinca a 47ª feira Abanca Semana Verde

Faino coa súa mellor cifra de expositores, 748 de oito países, e cunha programación de actividades que van dende mesas de negocio a conferencias e demostracións.

Por Galicia Confidencial | Silleda | 06/06/2025 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia botou a andar este 5 de xuño e fíxoo cunha inauguración na que estivo presente o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez. No acto convidou a "aproveitar as múltiples oportunidades de negocio e de lecer que ofrece a feira".

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, na inauguración. Foto: Xunta de Galicia.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, na inauguración. Foto: Xunta de Galicia.

Entre as moitas actividades que se desenvolverán estes días, record dende que se organiza a feira, destacan as mesas de negocio dos salóns de alimentación e turismo, onde participan máis de 60 compradores e operadores turísticos de 21 países distintos.

Así, no Salón de Alimentación do Atlantico, Salimat Abanca, comezaron os seus Encontros Internacionais de Compradores, que reúnen a 31 importadores e distribuidores de Alemaña, Austria, Bulgaria, Costa Rica, Dinamarca, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Suecia e Suíza. Estes buscan xa proposta entre os expositores para incluílas na súa carteira de produtos ou lineais de supermercados.

Pola súa banda, a Bolsa de Contratación Turística de Turexpo Galicia conta con 32 operadores turísticos con presenza en Alemaña, Canadá, España, Estados Unidos, Irlanda, Países Baixos, Polonia, Portugal e, por primeira vez, Indonesia e Serbia. Estes operadores coñecerán as propostas de empresas do sector do turismo e tamén destinos que incorporarán ás ofertas que farán aos seus clientes.

OUTRAS ACTIVIDADES PENSADAS PARA PROFESIONAIS

Ademais destas mesas de negocio, en Salimat Abanca tamén se están celebrando outras actividades destinadas a profesionais, como showcookings de produtos de calidade, catas comentadas ou demostracións de coctelería a cargo do campión nacional absoluto do Campionato Monin Interescuelas 23, Joel Forján. Sumouse neste salón a conferencia “Intelixencia artificial: Experiencias á carta. Mellora as túas reservas e facturación”. 

Encontros internacionais entre compradores en Salimat. Foto: Feira Abanca Semana Verde.
Encontros internacionais entre compradores en Salimat. Foto: Feira Abanca Semana Verde.

Na área de gandería celebráronse os concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, onde se elixiron os mellores exemplares co obxectivo de promocionar estas razas e incentivar aos criadores á súa mellora xenética. Así mesmo, tamén nesta área tivo lugar a xornada “Evento Geronimo Stakeholder 2025”, organizada pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), onde se presentou a epixenética na cría de animais e expuxéronse experiencias de criadores de razas locais a través de relatorios sobre recuperación das razas autóctonas españolas e galegas, a “Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia” e tamén “Bio4trace: biotecnoloxía para a rastrexabilidade e a selección xenética en razas minoritarias españolas”.

Por outra outra banda, na primeira edición do salón de beleza e estética Intermax Beauty Show leváronse a cabo dúas conferencias, baixo o título “Autocuidado, benestar e oportunidade de negocio” e “Máis clientes, máis ingresos e un plan claro para deixar de improvisar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta