Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/06/2025 | Actualizada ás 22:00
As pragas non avisan. Non entenden de almanaques nin de fronteiras. Adáptanse rápido a novas condicións, sobreviven mellor que moitas especies e teñen unha capacidade extraordinaria para colonizar as nosas contornas, sobre todo cando os humanos contribuimos cun cóctel de condicións favorables: temperatura máis alta durante meses, núcleos urbanos masificados, infraestruturas antigas e residuos ao alcance de calquera. Nun contexto de quencemento global sostido, o concepto de 'praga' comeza a reformularse. O que antes era unha preocupación estacional ou localizada, agora tende a extenderse durante máis meses do ano e por máis territorios. As fronteiras naturais que freaban a súa expansión xa non son tan eficaces, e especies que antes non resistían os nosos invernos atopan agora un clima máis amable. Así, os esforzos de control e prevención tamén deben adaptarse a esta nova realidade, máis continua e máis imprevisible.
"Estamos notando que cada ano hai máis presenza de pragas, e estas aumentan non só en número, senón tamén na aparición de especies novas ou na súa incursión en lugares nos que antes non existían", explica a Galicia Confidencial Jorge Galván, director xeral de ANECPLA, a Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental. Así, Galván apunta ao cambio climático como unha das principais razóns deste incremento. "Temos unha bonanza de temperatura durante máis tempo, porque agora a calor comeza antes e remata máis tarde, o que fai que a ventá temporal de reprodución de moitas especies se prolongue", explica, engandindo que, "antes as pragas máis habituais dábanse na primavera e no verán, pero agora temos unha primavera moi temperá e un verán moi prolongado". En consecuencia, os organismos teñen máis tempo para reproducirse e, ademais, aceleran os seus ciclos de vida. "Coa calor o metabolismo dos animais está máis acelerado", lembra, sinalando especialmente aos artrópodos.
"NON AGARDABAMOS QUE O MOSQUITO TIGRE ENTRARA EN GALICIA, PERO A TROPICALIZACIÓN DO CLIMA FAVORECEU O SEU DESENVOLVEMENTO"
Agora ben, este fenómeno non se limita a insectos. "Temos dous grandes grupos de pragas, un é o dos roedores e outro o dos artrópodos", apunta. E, no caso concreto dos roedores, confesa que "tamén estamos notando repuntes poboacionais, aínda que estes están ben xestionados polas empresas e os concellos nos que se dán". Aínda así, sempre aparece algunha sorpresa: "En zonas concretas da xeografía española está reaparecendo a rata negra ('ratus ratus'), á que tiñamos esquecida, sendo moito máis habitual atoparse coa rata de sumidoiro ('ratus norvegicus'), que aínda chegando máis tarde ao noso territorio, logrou desprazar á rata negra por ser máis grande e máis forte".
Así as cousas, o presidente de ANECPLA advirte que o aumento das pragas non ten un punto de inicio claro. "Non hai un estudo concreto, pero dende que empezou a aumentar a temperatura é cando se notou que certas pragas se volveron máis persistentes", asegura. E non só iso, senón que "tamén atopamos lugares nos que antes non había pragas e agora si". Para el, Galicia é un claro exemplo: "Galicia ten un clima frío que limita o desenvolvemento de moitos insectos, de maneira que, aínda que contaba coa presenza de mosquitos, non eran tan abundantes como noutros lugares". Por iso, "non agardabamos que o mosquito tigre entrara na comunidade, pero co aumento da temperatura e a alta humidade propia da zona, deuse unha tropicalización do clima que favoreceu ao mosquito". De feito, a tropicalización do clima español é un dos aspectos que máis preocupa a Galván: "España ten un clima subtropical, pero co aumento da temperatura estámonos achegando a un clima tropical".
"NUN CONCELLO DA ÁREA DE FERROL, AÍNDA CON REDE DE SUMIDOIROS, NON SE VAI CONCENTRAR UNHA POBOACIÓN DE RATAS COMO PODE FACELO NA CIDADE"
Por outra banda, a aparición de pragas tamén vén determinada por outro condicionante: o tipo de asentamento. "En Galicia hai unha gran dispersión territorial, moitas aldeas e pequenas vilas, o cal condiciona a expansión da pragas, facendo que nas zonas rurais non sexan tan abundantes". E é que hai algunhas pragas, como as de ratas e cascudas, que "son de orixe sinantrópico, é dicir, aparecen asociadas ao ser humano", sinala Galván, que apunta tamén a que, "canto máis grande é o asentamento humano, máis se desenvolven estas pragas". Pola contra, no caso concreto das aldeas, o que pode presentarse son pragas de moscas ou mosquitos, pola maior presenza de gando, por exemplo. Como resalta o presidente de ANECPLA, "o tipo de praga vai depender da actividade que se leve a cabo no medio no que esteamos: urbano ou rural".
Volvendo a Galicia, Galván amósase consciente de que na nosa terra hai zonas que administrativamente se consideran urbanas pero que, sen embargo, a efectos prácticos, poderíanse considerar case rurais, como pode ser o caso de pequenas vilas ou concellos da periferia das grandes cidades. "Nun concello da área de Ferrol de poucas casas e veciños, aínda que teña rede de sumidoiros, non se vai concentrar unha poboación de ratas do mesmo xeito que si se pode concentrar na cidade de Ferrol", sinala. Por iso, o mantemento de infraestruturas e servizos é unha responsabilidade esencial para evitar episodios de pragas, ademais dunha responsabilidade compartida por veciños e Administracións.
"NAS ZONAS MÁIS DEPRIMIDAS DUNHA CIDADE HAI MAIOR POSIBILIDADE DE QUE SE DESENVOLVA UNHA PRAGA, PORQUE O MANTEMENTO ADOITA SER MENOR"
Agora ben, hai outro factor que tamén inflúe sobremaneira: as condicións socioeconómicas. "O concepto 'One Health' --unha soa saúde-- inclúe como un factor condicionante da salubridade os determinantes sociais, de maneira que as zonas máis deprimidas dunha cidade teñen maior posibilidade de que nela se desenvolva unha praga, porque alí o mantemento adoita ser menor e as instalacións adoitan atoparse en peores condicións", explica. Como lembra Galván, as pragas móvense buscando alimento e refuxio: "Onde hai moitos residuos e desorde é máis doado que se establezan". E engade: "En zonas ordenadas e limpas é máis difícil, por iso as infraestruturas son clave". Por poñer un exemplo, asegura que "non é o mesmo a rede de sumidoiro que ten Suíza que a que ten Madrid, porque a de Madrid deriva da época dos Austrias e ten un entramado moi complexo, de maneira que en Suíza unha praga de ratas pode controlarse con medios mecánicos, metres que en Madrid precísase de rodenticidas, porque as ratas teñen moitos recunchos nos que agocharse".
As enfermedades asociadas a estas pragas preocupan, e moito. No caso das ratas, estas son vectores de enfermidades por contacto directo, mordedura, ouriños ou a través de parásitos como pulgas. E poden transmitir enfermidades como a leptospirosis, a febre por mordedura, o hantavirus, a salmonelosis ou a peste bubónica. No caso das cascudas, estas transportan bacterias, virus e fungos no seu corpo e patas e contaminan alimentos e superficies. Poden ser vectores de salmonelosis, listeriosis, gastroenterite viral e bacteriana, infeccións por E. coli e asma e alerxias. Pero hai un inimigo maior: "O animal máis letal do planeta pola súa capacidade para transmitir virus e parásitos graves é o mosquito, pois pode transmitir o dengue, o zika, o chikungunya, a febre do Nilo Occidental, a malaria e encefalites diversas", afirma Galván. Do mesmo xeito, as carrachas transfiren enfermidades ao picar e alimentarse do sangue, podendo transmitir a febre hemorráxica de Crimea-Congo, a enfermidade de Lyme, a babesiosis, a anaplasmosis e a rickettsiosis.
"OS MELLORES TRATAMENTOS CONTRA AS PRAGAS SON OS PREVENTIVOS, POIS RESULTAN MÁIS ECONÓMICOS, MÁIS ECOLÓXICOS E MÁIS EFECTIVOS"
Por iso, a clave está en facer unha detección temperá das pragas. "Cando hai unha praga, debe intervir unha empresa de sanidade ambiental, o que antes se coñecía como control de pragas, pero que agora vai máis aló", explica. "Esa empresa fai un diagnóstico de situación, deseña un tratamento e logo avalíase se este foi efectivo ou non", resalta. Iso é o que se coñece como xestión integrada de pragas. Con todo, Galván considera que o máis efectivo é a prevención: "Os tratamentos preventivos cumpren as tres 'E': son máis económicos, son máis ecolóxicos e son máis efectivos". E pon exemplos: "Coa eiruga procesionaria, se cortas os bolsóns antes de que esta baixe, eliminas o ciclo; cos mosquistos, tratar as larvas con 'Bacillus thuringiensis' é moi efectivo e non ten impacto ambiental".
Sobre os retos do sector, o presidente de ANECPLA reivindica: "As empresas de sanidade ambiental somos o primeiro filtro da calidade de vida das persoas, estamos en restaurantes, hospitais, bibliotecas, administracións... Vaias onde vaias estamos xestionando a salubridade". Ademais, pon a mirada no futuro, consciente de que as cousas están mudando: "Cada vez hai máis organismos e o cambio climático está a mudar as condicións, polo que o noso sector está en constante aprendizaxe para facerlle fronte". "Somos xestores de saúde pública e facemos un traballo esencial que a moita xente lle pasa desapercibido", di. E conclúe: "A xente tende a pensar en ratas ou cascudas, pero nós tamén controlamos as bacterias, os virus, a calidade do aire, os insectos...".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.