Atrasou a Xunta tratamentos para cadrar as contas?

Os doentes de hepatite C describen como moitos tratamentos foron denegados en novembro e decembro, para ser logo autorizados a comezos do ano seguinte. Nalgún caso, o paciente que o pediu acabou falecendo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/06/2016 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A Plataforma de Afectados pola Hepatite C, que exerce a acusación popular na investigación por supostos atrasos nos novos tratamentos, presentou unha ampliación da súa denuncia.

Os membros da Plataforma de Afectados pola Hepatite C cando foron expulsados do Parlamento de Galicia, Quique Costas o primeiro pola esquerda
Os membros da Plataforma de Afectados pola Hepatite C cando foron expulsados do Parlamento de Galicia, Quique Costas o primeiro pola esquerda | Fonte: BNG

O seu voceiro Quique Costas apuntou que, das 24 denegacións de tratamento para a hepatite C que o Sergas emitiu no ano 2014, 21 foron nos meses de novembro --11-- e decembro --10--, unhas solicitudes denegadas que, ademais, foron en parte recorridas e "moitas delas logo concedidas nunha posterior revisión nos primeiros meses de 2015".

Entre estas denegacións, dixo o presidente da entidade, estaban "algúns casos incluídos na denuncia" e solicitudes feitas por médicos "integrantes da subcomisión", que son "difíciles de entender" se non é por "pasalas deliberadamente ao exercicio seguinte".

"De case 300 solicitudes tramitadas ese ano, é difícil entender que se puxesen de acordo para tramitar mal 21 entre os meses de novembro e decembro cando só se rexeitaron 3 o resto do ano", destacou.

Na ampliación da denuncia a Plataforma reclama que se inclúan en cáusaa tres novos casos de afectados, á vez que pediu que se cite a declarar a outro cargo do Sergas ao que os dous investigados, Carolina González-Criado e Félix Rubial, "responsabilizaron" destes atrasos.

Así o explicou, en rolda de prensa,  Quique Costas, quen apuntou que, durante a declaración ante o xuíz que González-Criado e Rubial prestaron o pasado 28 de abril, "lonxe de negar os feitos" que se investigan, "puxeron todo o seu empeño en responsabilizar aos seus subordinados".

En particular, Quique Costas revelou que a subdirectora de Farmacia dixo ante o xuíz instrutor "que só se limitaba a trasladar as solicitudes", mentres que o que era entón director de Asistencia Sanitaria sostivo que "non tiña ningunha capacidade de decisión sobre as solicitudes, aínda que as asinaba".

"Lonxe de asumir ningunha responsabilidade, describiron o seu rol como o de meros administrativos", apuntou o presidente da plataforma, para quen os investigados "descargaron a responsabilidade" principalmente nos membros da subcomisión de Farmacia e na figura da entón directora de Procesos Asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Ana Souto.

Por iso, ademais de reclamar ao xuíz que realice outras dilixencia solicitadas, xa que só practicouse a toma de declaración dos investigados, piden que se cite a declarar á doutora Ana Souto para coñecer a súa relación con este caso.

En particular, Quique Costas fixo referencia ao caso identificado como 'paciente 1' na denuncia, que tivo que esperar "case 10 meses polo tratamento" e, posteriormente faleceu. No caso deste enfermo, os investigados "chegan a afirmar que todo ese atraso débese a que a directora de Procesos Asistenciais do CHUS indicáralles que o tratamento xa estaba iniciado", algo que resultou non ser así. "Na nosa opinión, trátase dunha forma basta de esquivar as súas responsabilidades", dixo Costas.

Do mesmo xeito, a Plataforma presentará a próxima semana unha ampliación da denuncia inicial para que se inclúan na investigación outros "tres casos moi graves" de pacientes que sufriron atrasos de entre seis e "15 meses" na administración dos seus tratamentos, aínda que por fortuna todos sobreviviron.

Un destes pacientes solicitou inicialmente o tratamento en xaneiro de 2014 e non o recibiu ata marzo de 2015, un período no que tivo que ser "retrasplantado". Así mesmo, o segundo dos casos pertence ao grupo de "expedientes extraviados" no Hospital de Santiago, mentres que o terceiro, tras seis meses esperando resposta á súa solicitude, recibiu a autorización do tratamento "24 horas despois de facer público o caso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta