Gómez Caamaño advirte de que crear máis graos de Medicina "non soluciona" o déficit de médicos: "Non van ter onde traballar"

O conselleiro de Sanidade pon o foco no MIR, onde este ano "quedaron 6.000 médicos fóra", e en especialidades como Familia, Pediatría e Psiquiatría.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 13/06/2025 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, chamou este venres a "escapar de localismos" co Grao en Medicina, porque crear máis facultades e graos, como xa impulsa a Universidade da Coruña, "non soluciona" o déficit de médicos no sistema público. En declaracións aos medios este venres, tras un acto polo décimo aniversario do plan contra a hepatite C en Galicia, Gómez Caamaño pediu abordar este tema "dunha maneira racional".

Neste sentido, asegurou que, afirmar que a falta de facultativos se soluciona con máis oferta nas facultades de Medicina implica "un descoñecemento absoluto" do sistema de formación, porque o foco está nas convocatorias MIR. "España somos o país do mundo no que temos máis facultades de Medicina por poboación. O número de médicos por poboación está por enriba da maioría de países do OCDE", asegurou, para argumentar que "o problema é que non hai médicos de determinadas especialidades", como Medicina de Familia, Pediatría e Psiquiatría.

A este respecto, o conselleiro lembrou que no pasado exame MIR participaron unhas 15.000 persoas graduadas en Medicina, pero "só colleron praza 9.000". "Por tanto, quedaron 6.000 médicos fóra este ano", engadiu. No caso de Galicia, Gómez Caamaño estima que cada ano deberían saír da facultade "entre 300 e 400" médicos, unha cifra que xa alcanza a Universidade de Santiago de Compostela, que actualmente é a única que oferta a titulación. "Por tanto, iso de que non hai médicos e fan falta máis facultades de Medicina é un razoamento totalmente perverso e falso", resolveu, porque se se aumenta esta cifra "probablemente haberá un exceso" destes profesionais "e vai pasar como nos anos 80, que acabas Medicina e non tes onde traballar".

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, responde a unha pregunta oral no Parlamento de Galicia
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, responde a unha pregunta oral no Parlamento de Galicia | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta