Fillas de Breogán fai historia

As coruñesas gañan o Torneo Ibérico tras impoñerse 24-13 a Madrid Harpettes na final en Tres Cantos e convértense no primeiro equipo galego en gañar este campionato. É o cuarto título da tempada para as Fillas. Irmandinhos da Estrada, subcampións.

Por gcdeportes | A Coruña | 05/06/2016 | Actualizada ás 09:02

Comparte esta noticia

Espectaculares as Fillas de Breogán, cunha campaña inesquecíbel. As coruñesas gañaron o Campionato Ibérico tras vencer a Madrid Harpetes na final en Tres Cantos por un claro 24-13 e deste xeito convértense no primeiro equipo galego en coroarse como campión dun torneo Ibérico. Mención especial para Eva Lago, que levou o MVP do torneo, un premio individual que non deixa de ser tamén para todas as súas compañeiras que lle axudaron facendo campión o equipo.

As Fillas celebran a súa vitoria cos seus trofeos.
As Fillas celebran a súa vitoria cos seus trofeos. | Fonte: FillosdeBreogan

As rapazas de José Mancusi pasaron como primeiras a fase de grupos e venceron en semifinais o gran rival galego, Irmandinhas da Estrada, segundas no grupo A. Na final, vitoria contundente ante as anfitrioas por 24-13.

Este é o cuarto título da tempada para as Fillas de Breogán. Gañaron a European Champions League en novembro en Pontevedra, a Copa da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) en xaneiro e a terceira edición da Liga galega en marzo, rachando coa hexemonía das Irmandinhas da Estrada nas dúas primeiras edicións.

No torneo masculino, Irmandinhos da Estrada repetiu o segundo posto do ano pasado, tras gañar a Valencia nas semifinais e perder na gran final con Madrid Harps. Agora chega o turno da Selección Galega, que xa prepara o segundo Mundial de fútbol gaélico, que se celebrará en agosto en Irlanda.

O equipo de Fillas de Breogán, campioas do torneo Ibérico en Tres Cantos.
O equipo de Fillas de Breogán, campioas do torneo Ibérico en Tres Cantos. | Fonte: FillosdeBreogan
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta