Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2025 | Actualizada ás 15:01
O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) anuncia que presentará un recurso contra as instrucións da Xunta para o próximo curso escolar 2025/26, que inclúe o polémico parágrafo para garantir a "neutralidade ideolóxica" nos centros educativos. STEG é a primeira organización que confirma a presentación dun recurso contra este documento, que saíu publicado o pasado venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), por considerar que ten "un fin puramente intimidatorio" e que é "unha terxiversación" da Lei Orgánica de Dereito á Educación de 1985, que xa recolle esa "neutralidade ideolóxica".
En concreto, as instrucións para o curso 2025/26 inclúen un parágrafo conforme ao cal todas as actividades complementarias á programación anual deben ser aprobadas pola dirección e ser informadas tanto o consello escolar como a inspección. "Esta cuestión, a pesar de non supor ningunha novidade respecto do que xa viña sendo unha práctica habitual nos centros educativos, introduce unha énfase innecesaria no control á actividade dos equipos docentes, á vez que xera inseguridade xurídica no profesorado", recalca STEG.
Precisamente, un manifesto impulsado por este sindicato contra estas instrucións leva recollidas ao redor de 500 firmas de particulares e adheridas "numerosas entidades da sociedade civil". Este manifesto está dirixido non só contra o documento, senón tamén polas declaracións coas que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que o xustificou a través dun símil: "Podo pensar que a min me gustan as patacas fritidas pero a ti as cocidas. Pois, oe, imos a non impor nin unhas nin outras e a non presupor que todos temos que comer patatras fritidas ou patacas cocidas". STEG cre que isto é unha "preocupante banalización da actual crise humanitaria" que vive Palestina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.