Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/06/2025 | Actualizada ás 20:10
O tecido empresarial galego investiu en 2023 máis de 150 millóns de euros en ciberseguridade, un 30 % máis que o ano anterior, cun incremento notable entre pemes e micropymes, que achegaron 36 millóns máis para protexerse da ciberdelincuencia. Segundo a Xunta, en 2024, preto dun 20 % das empresas galegas de 10 ou máis empregados rexistraron algún incidente de ciberseguridade, sobre todo por fallos técnicos (78 %) e, en menor medida, por ataques externos con perda de datos (19,6 %). Nos negocios pequenos os incidentes non superan o 4 %.
O informe ‘Galicia. A economía en dixital’, elaborado polo Observatorio Osimga, dependente da Amtega, recolle tamén que o 13,1 % das empresas galegas medianas e grandes usan xa Intelixencia Artificial, superando a media estatal. Nas microempresas, o uso apenas chega ao 6 %. Máis do 30 % das grandes compañías empregan servizos de Cloud Computing para funcións como correo electrónico, almacenamento ou software de ofimática, e o 27 % fai uso de analítica de datos, sobre todo para transaccións e clientes.
No que atinxe ao talento dixital, un 20,5 % das empresas de 10 ou máis empregados teñen persoal especializado en tecnoloxías, cinco puntos por riba da media estatal. Os perfís máis habituais son expertos en datos e ciberseguridade. Destaca tamén o crecemento na contratación de mulleres especialistas TIC: están presentes no 52,5 % destas empresas e o seu número medrou un 136,3 % nas microempresas respecto ao ano anterior.
O comercio electrónico mantén cifras estables en 2024, con lixeiras subas nas microempresas, onde as que realizan vendas en liña pasaron do 11,8 % ao 12,5 %. A presenza en internet tamén medra: o 81,4 % das empresas medianas e grandes contan con páxina web —case á par co Estado—, mentres que entre as máis pequenas o dato sobe un 24 %, pasando do 23,7 % ao 31,2 % en só un ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.