Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/06/2025 | Actualizada ás 10:24
A Garda Civil desarticulou unha parella criminal que cometeu máis de 50 roubos en establecementos comerciais de localidades galegas como Ames, Teo, Brión, Santiago, Noia, Padrón, A Estrada, Valga ou Barro. A operación, denominada 'Bluehammer', terminou coa desarticulación deste grupo presunto responsable dunha onda de ata 51 roubos con forza en distintos municipios da provincia da Coruña e Pontevedra.
Os dous detidos, veciños de Santiago, actuaron entre maio de 2024 e xaneiro de 2025, xerando "gran alarma social" no comercio local. A investigación, de case un ano, iniciouse na primavera de 2024 ante un incremento de roubos violentos en Ordes e Sigüeiro. Os asaltantes seguían un patrón similar: fracturaban cristaleiras e accesos con tapas de sumidoiro ou martelos, subtraían a caixa rexistradora e fuxían rapidamente nun turismo azul.
O 11 de decembro de 2024, tras semanas de seguimento, a parella foi detida 'in fraganti' despois de asaltar unha estación de servizo nas Casillas (Ordes). Con todo, os indicios apuntaban a un maior número de feitos delituosos. Nunha segunda fase da operación, os investigadores recompilaron probas que permitiron situar aos sospeitosos na escena de máis delitos, coincidindo con datas e horas dos asaltos. Grazas á análise das cámaras de seguridade situóuselles nos distintos roubos.
"O modus operandi era sempre o mesmo: un executaba o roubo mentres o outro realizaba funcións de apoio loxístico e vixilancia", engadiu a Garda Civil. Como resultado da investigación, coordinada polo Xulgado de Instrución número 2 de Ordes, un dos implicados permanece en prisión desde xaneiro deste ano, cumprindo condena por feitos similares. O seu cómplice foi formalmente imputada como coautora de todos os roubos investigados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.