O BNG insta á CE a actuar ante a "inacción" da Xunta no encoro das Conchas: "A incidencia de cancro supera a doutras comarcas"

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lembrou que "a auga que se verte nel contén 97 millóns de cianobacterias perigosas por litro".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 30/06/2025 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, instou á Comisión Europea (CE) a actuar fronte á "inacción" da Xunta con respecto á contaminación do encoro das Conchas, en Xinzo de Limia. Segundo trasladou a formación nunha nota de prensa, Miranda presentou unha pregunta dirixida á CE sobre os "incumprimentos" do Estado español e a Xunta á hora de combater a contaminación por cianobacterias no encoro, tendo en conta, apuntou, que "a auga que se verte nel contén 97 millóns de cianobacterias perigosas por litro".

"É inadmisible o deixamento do Goberno galego e a súa falta de actuación para solucionar os problemas de contaminación", destacou a nacionalista galega. Nesta liña, explicou que esta contaminación, supostamente causada por cianobacterias procedentes de granxas porcinas, xa foi obxecto de varias demandas europeas, entre elas as presentadas ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, en concreto o número 1057/2018, sobre os efectos da gandaría intensiva no Val da Limia.

Tal e como trasladou o Bloque, esta petición aínda está aberta xa que está relacionada cun procedemento de infracción en curso, de acordo coas directrices da Comisión de Peticións. Na súa última resposta, recibida o 12 de xaneiro de 2024, a Comisión Europea subliñou que "en decembro de 2021, a Comisión decidiu remitir a España ao Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas porque considerou que España aínda debe tomar medidas adicionais para evitar a eutrofización en todo o país".

Tamén apuntou que "debe revisar e designar zonas vulnerables aos nitratos en varias rexións, incluída Galicia; incluír todos os elementos obrigatorios necesarios nos programas de acción para algunhas rexións; e tomar medidas adicionais para as rexións onde as medidas establecidas resultaron insuficientes para alcanzar os obxectivos da Directiva sobre nitratos". Finalmente, Miranda sinalou que os estudos presentados pola Asociación de Veciños das Cunchas ás autoridades xudiciais galegas contra o Goberno autonómico advirten de que "a incidencia do cancro na zona supera ao doutras comarcas galegas".

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta