Acusan o Goberno escocés de entregar as cotas pesqueiras a “piratas” galegos

Un duro artigo publicado no Daily Express arremete contra armadores galegos e holandeses que operan baixo bandeira británica para facerse coas cotas de Escocia. GC debulla a lista de empresarios galegos sinalados. A polémica está alimentando o movemento pola saída do Reino Unido da Unión Europea.

Por Alberto Quian | Manchester | 17/06/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Polémica no Reino Unido a conta das cotas pesqueiras. O diario británico The Daily Express arremeteu contra o Goberno escocés por "entregar as cotas de pesca británica por valor de millóns de libras aos arrastreiros de propiedade de grupos españois e dos Países Baixos". O duro artigo asinado polo xornalista Ben Borland cualifica de "piratas" aos barcos da Unión Europea que pescan en augas escocesas, sendo especialmente crítico cos armadores galegos.

Barco pesqueiro no Atlántico Norte
Barco pesqueiro no Atlántico Norte | Fonte: USC.

"Baixo as regras actuais da UE, os arrastreiros de propiedade estranxeira poden ter acceso á cota do Reino Unido, sempre que naveguen baixo a bandeira británica, unha práctica coñecida como quota hopping", escribe Borland, que sinala directamente a armadores galegos: "Todos os pescadores españois licenciados por Marine Scotland son da rexión de Galicia".

En concreto, Marine Scotland concedeu máis de 88.000 unidades de asignación de cota fixa (FQA) a 21 titulares de licenzas que se basean principalmente en Galicia e Países Baixos.

O quota hopping é un punto central da polémica estratexia pesqueira española de establecerse no Reino Unido, comprando ou abandeirando buques para poder acceder ás cotas pesqueiras que ese país ten asignadas.

ARMADORES GALEGOS SINALADOS

Segundo o Daily Express, a maior cota de pesca en Escocia "pertence ao armador Manuel Otero Eijo, da Coruña, e representante da Asociación Local de Armadores de Pesca do Norte, cuxo arrastreiro rexistrado no Reino Unido co nome Brosme ten 14.514 unidades FQA [unidades de cota concedidas] baixo dúas licenzas distintas".

O 'Brisca, barco de bandeira británica do armador lugués Eugenio Regal Pino, propietario de Eugenio Regal Pino, propietario de Brisca Fisheries Limited.
O 'Brisca, barco de bandeira británica do armador lugués Eugenio Regal Pino, propietario de Eugenio Regal Pino, propietario de Brisca Fisheries Limited.

"Esta licenza dálle dereito a descargar case mil toneladas de quenllas de augas profundas, xunto con 220 toneladas de pescada, 110 toneladas de maruca e capturas máis pequenas darredor de 30 toneladas doutras especies", detalla o xornal británico.

Segundo os expertos, as cotas británicas "permiten aos pescadores descargar en total a terra preto de 9.000 toneladas de peixe, que podería roldar un valor aproximado de 65 millóns de libras a prezos actuais de mercado", apunta Borland.

GC comprobou no Rexistro Mercantil do Reino Unido que Otero Eijo figura dende o ano 1999 como un dos tres rexistradores da compañía Amberalter Limited, ocupando a dirección canda María José Pigueiras Domínguez, pero ambos os dous manteñen como dirección de contacto Rúa Traviesa Del Monte 14-4 H, A Coruña, 15006. Como terceiro rexistrador aparece o nome de Jesús Beiro, na dirección 20 Millennium Apartments, Browns Hill, Penryn, Cornwall, TR10 8GL.

A dirección que figura no Rexistro Mercantil británico para esta empresa, que tributa no Reino Unido dende o 15 de xaneiro de 1999, é Office 3 Anchor Warehouse, Anchor Quay, Penryn, Cornwall, TR10 8GZ.

Os británicos apunta aos armadores galegos Manuel Otero Eijo, Juan Celso Parada, Eugenio Regal Pino, Emilio Arestin Rivas e a familia Vidal.

Ben Borland inclúe como beneficiarios destas polémicas prácticas a outros dous armadores galegos, un da Coruña, Juan Celso Parada, "dono do arrastreiro Ayr Queen", e outro de Lugo, Eugenio Regal Pino, "propietario do Brisca", sinala o xornalista.

Parada aparece no Rexistro Mercantil británico como director de Merson Limited dende o 23 de abril de 1992, coa dirección da oficina en Peche House, St Anne'S Road, Hakin, Milford Haven, Pembrokeshire, SA73 3LG, aínda que a dirección de contacto que figura de Parada é no Molle de Oza 25, A Coruña, 15006, segundo consta no rexistro británico.

Pola súa banda, Regal Pino é o propietario de Brisca Fisheries Limited, que figura no rexistro británico dende o 4 de xullo de 2006, rexistrada na dirección Viewlands Broomehall Road, Coldharbour, Dorking, Surrey, RH5 6HJ, pero con dirección postal Camino Real, 51, Celeiro - Vivero, Lugo, 27863.

A lista de galegos denunciados polo xornal británico non queda aí: "Dúas cotas máis, para os arrastreiros Inverdale e Cabo Ortegal, son copropiedade dun coruñes chamado Emilio Arestin Rivas —quen se describe a si mesmo como un «emprendedor» nos documentos presentados ante a Cámara de Sociedades" británica, escribe Borland.

GC comprobou que Arestin aparece nos rexitros británicos como director de Burlort Limited e Uxia Fishing, dende o 6 de marzo de 2009. Ccuriosamente, as dúas empresas foron rexistradas coa mesma dirección que Merson Limited: Peche House, Saint Annes Road, Hakin, Milford Haven, Dyfed, SA73. Con todo, a dirección de contacto que figura de Arestin Rivas é no 101, B 3, Os Páramos, Castiñeiras, Ribeira, 15960. 

"Outros arrastreiros escoceses en mans españolas teñen miles de unidades FQA asignadas pola Organización de Xestión Mariña", continúa o xornalista, que inclúe nesta lita o buque O'Genita, "rexistrado nunha empresa chamada Sealskill Ltd no porto de Troon, en Ayrshire, e cuxa propiedade é da familia Vidal", envolta en escándalos e sancionada por actos de piratería pesqueira. En 2012, a directora da compañía, María Dolores Vidal Mariño, foi unha das catro asociadas ao grupo Vidal que recibiron unha multa de 1,6 millóns de libras polo tribunal penal de Truro, en Cornwall —a maior multa na historia marítima británica—, polas malas praxes dos barcos O’Genita e Cayo Tercero, por pescar durante 18 meses pescada por enriba do autorizado e por falsificar os rexistros correspondentes. O Cayo Tercero tamén pertence á familia Vidal; en concreto, o seu dono é Hijos de Vidal Bandín SA, dirixida por Manuel Vidal Suárez.

Sobre esta familia recaen delitos de branqueo de capitais, falsidade documental e integración en grupo criminal, ademais de delitos contra o medioambiente, tras unha operación levada a cabo en marzo pasado nas instalacións da sociedade en Ribeira, Boiro e A Coruña. Aos Vidal acúsaselles de pesca ilegal de caballa austral e da creación de un amplo entramado de empresas superpostas radicadas en países de conveniencia, como o Reino Unido.

En concreto, seis membros desta familia de Ribeira foron detidos pola Policía española e a Interpol por cargos vinculados á captura ilegal de bacallau de profundidade ou pescada negra (Patagonian toothfish). As autoridades destaparon un entramado empresarial, con compañías en España e no es extranxeiro para encubrir actividades de pesca ilegal, non documentada e non regulamentada, polas que Vidal Armadores foi sancionada cunha multa de 17,8 millones de euros, inhabilitación para o exercicio de actividades pesqueiras e a prohibición de obter subvencións e axuda públicas ás nove empresas e as persoas físicas vinculadas a estas.

Con todo, os Vidal, a través das súas empresas, xa recibiran as maiores subvencións concedidas polo Goberno español durante 2008, en concreto, para Pellizar S.L., constituída en decembro de 2006, que recibiu 1.225.346 euros. As administradoras desta compañía eran María Dolores Vidal Mariño e Dolores Gude Pena, tamén apoderadas das empresas Vidal Fish Import S.L. e Hijos de Vidal Bandín, administradas por José e Manuel Vidal Suárez, fillos de Antonio Vidal Pego.

"A chamada 'quota hopping' explica por que nove de cada dez pescadores británicos teñen previsto votar saír da Unión Europea".

"PIRATAS" HOLANDESES

Na relación de armadores e buques "piratas" que detalla Borland atópanse tamén tres pescadores holandeses da pequena cidade de Urk, en IJsselmeer, ao norte de Ámsterdam, que "tamén teñen licenzas de Marine Scotland". Trátase de Albert e Louwe De Boer, "os propietarios da empresa de arrastreiros Annegina", e Johannes Romkes, "propietario do buque Quo Vadis".

"A cota do señor Romkes inclúe arredor de 730 toneladas de linguado ou platija, 50 toneladas de bacallau e 26 toneladas de rodaballo", exemplifica o xornalista británico.

Borland pon o foco principal sobre os armadores galegos e holandeses, pero non obvia que "outros países da UE xa gozan do acceso ás ricas zonas de pesca de Gran Bretaña", incluídos Dinamarca, Francia e Alemaña..

UN MOTIVO PARA SAÍR DA UE

Esta situación estaría contribuíndo a avivar a chama do movemento británico que quere a saída do Reino Unido da Unión Europea. Sectores como o da pesca son especialmente sensibles ao debate que se están dando no Reino Unido con motivo do referéndum sobre a continuidade deste país na UE. E o malestar é manifesto. Segundo Jim Portus, director executivo da South Western Fish Producer Organisation, "a chamada quota hopping explica por que nove de cada dez pescadores [británicos] teñen previsto votar saír da UE. Os barcos pesqueiros españois estiveron navegando baixo bandeira británica de conveniencia desde 1977 e unha decisión xudicial nos anos oitenta ampliou este dereito a outros membros da UE", explica en declaracións recollidas por Borland.

"España e Holanda non só teñen a súa propia cota e a súa propia frota pesqueira, senón que tamén teñen unha segunda cota enmascarada na frota británica pola cal se está utilizando a nosa cota," denuncia Portus.

O buque de bandeira británica 'Brosme', do armador galego Manuel Otero Eijo.
O buque de bandeira británica 'Brosme', do armador galego Manuel Otero Eijo.
O arrastreiro 'Ayr Queen', de bandeira británica, propiedade do armador galego Juan Celso Parada.
O arrastreiro 'Ayr Queen', de bandeira británica, propiedade do armador galego Juan Celso Parada.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xan

Non existe nengún tipo de ilegalidade na compra de cotas pesqueiras no Reino Unido, sempre e cando a sociedade xurídica inglesa posea un barco, unha bandeira deste país e unha licencia de pesca tamén do Reino Unido. A partir de ahí, a unidade pesqueira respetará as cotas e áreas de pesca asignadas, de non ser así, as multas son cuantiosas por parte do Reino Unido. Todo esto está ben monotorizado e controlado por parte dos autoridades deste país. Non vexo por qué hai que desvelar os nomes das persoas físicas neste artigo e menos o enderezo dos mesmos. A persoa xurídica é a poseedora dos dereitos e barcos no país nórdico, non a persoa física. Existen diversas bandeiras e licencias de pesca de distintos países coma Francia ou Portugal que son de sociedades que teñen intereses españois e non hai ningún tipo de ilegalidade, son todos países europeos como o é, a día de hoxe, o Reino Unido.

1 Pilar-Aymara Fernández

Curiosamente non é nada ilegal mercar barcos con cotas. A campaña #LeaveEU, especialmente dende a prensa inglesa trata con estas falsas acusacións de desmobilizar aos escoceses. O TTIP e a Pesca son dous dos debates mais complexos que se están a dar en Escocia. A todo isto hai que engadir, que unha vez consultados estes datos, podo dicir que o Goberno escocés ten potestade para rexistrar os barcos no seu porto, pero non ten potestade para decidir na distribución das cotas totais de Reino Unido nen lexislar ou cambiar a lexislación de cotas. O Goberno escocés (ao contrario do galego) leva anos pedindo as plenas competencias para poder lexislar e cambiar situación do sector do Mar, xa que ten a maior porcentaxe de costa e de espazo pesqueiro de todo o Reino Unido. Dende Escocia definen esta noticia publicada polo xornal (de extrema dereita) Daily Express como propaganda