Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2025 | Actualizada ás 15:44
Existe un inmoble en Meirás que ten unha historia substancialmente distinta á do resto de parcelas e vivendas expropiadas pola familia Franco. Trátase da Casa das Cunchas. Nesta vivenda deuse unha situación moi particular: o seu propietario, Manuel Portela, estaba residindo en América, polo que era moi complicado xestionar a firma notarial para proceder á expropiación.
Durante décadas, a situación da Casa das Cunchas non mudou. No momento no que Manuel Portela retornou de América, o réxime franquista estaba noutro contexto substancialmente distinto. A apariencia da Casa das Cunchas mudou substancialmente unha vez estivo en mans da ditadura. De feito, o seu nome vén dado polo revestimento de cunchas da súa fachada xa que Carmen Polo, a muller de Franco, decidiu utilizar as cunchas de vieira sobrantes para adornar a casa.
Esta vivenda foi reformada na súa totalidade no ano 1975. Ademais, o hórreo mariñán, típico das Rías Altas, foi substituído por un horreo característico da zona de Pontevedra. Con todas estas actuacións, os Franco pretenderon diluír completamente a identidade destes lugares, modificando de maneira substancial os trazos arquitectónicos típicos que caracterizan esta zona das Rías Altas.
Actualmente, a Casa das Cunchas está nun limbo legal. Formalmente segue pertencendo á familia Franco, aínda que se atopa completamente abandonada. Non entrou dentro do proceso legal que outorgou a propiedade do Pazo e das súas terras a dominio público.
ACTUACIÓN DA XUNTA
Preguntado pola información de Galicia Confidencial, Rueda recoñeceu que este tipo de posesións “non deben de estar nun limbo xudicial”. Así, sinalou que se hai posesións que "desde o punto de vista legal", que poidan estar "nas pavías" e que "non deben estar", se hai posibilidade de recuperalas por parte da Xunta estudarano e, de ser posible, "irán cara a adiante". Previamente, o presidente galego calificou de "boa noticia" a devolución do Isaac e Moisés, obras do Mestre Mateo que tiña a familia Franco, ao Concello de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.