Os fogares galegos poden aforrar case 298 euros anuais de luz

O maior potencial de aforro enerxético do fogar está nos electrodomésticos, un 47,4%. Séguelle a iluminación (26,4%) e a calefacción (24,1%).

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 14/06/2016 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

Os fogares galegos poden aforrar de media preto de 298 euros anuais, o 29,4% da súa factura de gas e electricidade, con cambios nos seus usos e costumes e coa mellora do equipamento. Así se desprende dos resultados da décima edición do Índice de Eficiencia Enerxética elaborado pola Fundación Gas Natural Fenosa, e que a compañía eléctrica deu a coñecer este martes na Coruña.

Funcionamento dun contador de luz dixital
Funcionamento dun contador de luz dixital | Fonte: domoelectra.com

O delegado xeral da compañía en Galicia, Manuel Fernández, acompañado do asesor executivo da Fundación Gas Natural Fenosa, Manuel Ludevid, presentou os resultados deste índice que en Galicia se sitúa en 6,16 puntos, descendendo un 2 por cento respecto 2013 -a última edición do estudio-.

En total, segundo este estudio, o potencial de aforro das familias suma 328 millóns ao ano. Así, a enerxía de ser susceptible de ser aforrada nos fogares de Galicia, 2.891 GWh, é igual a 128 anos de consumo en iluminación da cidade da Coruña. Un uso máis eficiente da enerxía evitaría, ademais, a emisión á atmosfera de 639.000 toneladas de dióxido de carbono.

Máis aforro nos electrodomésticos

O índice reflicte que o maior potencial de aforro enerxético do fogar está nos electrodomésticos, un 47,4%. Séguelle a iluminación (26,4%) e a calefacción (24,1%). As porcentaxes son inferiores nos outros ámbitos estudados, aire acondicionado (14,4%) e auga quente (13,3%).

Respecto aos hábitos de eficiencia enerxética, os máis estendidos nos fogares son, segundo os resultados deste estudio, a utilización de termóstatos para regular a temperatura e o uso eficiente de lavadora e lavalouza.

En cambio, permanecen como materias pendentes a adopción de sistemas de xestión enerxética, un mellor mantemento de frigoríficos ou apagar o modo stand-by dos electrodomésticos.

O estudio analiza o equipamento do fogar, o control enerxético que realizan os usuarios, o mantemento e a cultura da eficiencia nos fogares, e con estes catro indicadores establece un Índice Global de Eficiencia. A nivel nacional retrocede ata os 6,39 puntos sobre 10, por debaixo dos 6,45 puntos rexistrados en 2013.

Por comunidades autónomas, os fogares de Baleares son os máis eficientes, seguidos polos cataláns e murcianos. Canarias é a comunidade autónoma co índice máis baixo, un 5,96 por cento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Rober111

Excelente noticia para a nosa familia. Recentemente, adquiriu un aire acondicionado portátil nunha tenda en liña especializada (https://aireacondicionadoportatil.online) ea verdade é que un dos nosos principais temores era o consumo de electricidade. Agora sabemos que non vai subir moita luz, así como comentais os aforros nas noticias, novos aparellos de aire acondicionado portátiles son enerxética A ++.