Centos de galegos denuncian a “intolerable situación” que viven os refuxiados

Convocados pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, os manifestantes esixiron unha revisión "en profundidade" a política migratoria e exterior da Unión Europea.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/06/2016 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

Centos de persoas manifestáronse este domingo en distintas localidades galegas para denunciar a "intolerable situación" que viven as persoas refuxiadas e pedir que se revise "en profundidade" a política migratoria e exterior da Unión Europea. Baixo o lema 'Non ás guerras. Rachemos coas fronteiras', os manifestantes concentráronse en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Vigo, convocados pola Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, con motivo da celebración este luns, día 20 de xuño, do Día Mundial das Persoas Refuxiadas.

Manifestación en Santiago en apoio aos refuxiados
Manifestación en Santiago en apoio aos refuxiados | Fonte: Europa Press.

"Estas mobilizacións representan o berro da cidadanía galega ante estas inxustizas", comentou a Europa Press un dos portavoces da Rede, Miguel Fernández, durante a súa participación na marcha celebrada na capital galega.

Fernández criticou que a política que se aplica ás persoas refuxiadas é a "mesma" que se emprega cos emigrantes e, na súa opinión, "impide que as persoas se movan de forma normalizada".

Tras a chegada dos participantes á Praza de Praterías, a moza sirio galega Nour Ao-Hussen foi a encargada de ler o manifesto do colectivo despois das intervencións de varias persoas que participaron como voluntarias en distintos campamentos de refuxiados nas fronteiras con Europa, que relataron as súas experiencias.

DEMANDAS DA REDE

As demandas dos 70 colectivos que conforman a rede para "esixir a garantía e o cumprimento dos dereitos dos refuxiados" pasan por revisar, "en profundidade", a política migratoria e exterior europea, que "dilapida millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión e control" mentres "elude calquera xestión global que antepoña a vida das persoas".

Tamén piden "ampliar e axilizar o sistema de asilo" para as persoas que xa están en España e Galicia e que "actualmente están pendentes de ser atendidas" a través do reforzo da Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior e persoal "debidamente formado" nas Oficinas de Estranxeiría, para conseguir unha "maior axilidade" nas entrevistas de solicitude.,

Así mesmo, reclaman que as administracións asuman que son elas as "responsables" de "garantir os dereitos" dos refuxiados e de promover a súa autonomía" e demandan á Xunta que poña a disposición destas persoas "recursos que tamén beneficien ao conxunto das persoas en situación de pobreza ou exclusión".

Por último, demandan a recuperación e os fondos de cooperación e programas de atención á poboación de orixe estranxeira "previos aos recortes" ao considerar que "son imprescindibles para mellorar a situación nos países de orixe" e para "construír unha sociedade xusta e cohesionada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Galego

Desde que apareceu podemos desapareceu a loita nas rúas, son a maior garantía de estabilidade no estado e así o proclaman, ata teñen a desfachatez de concederse un baño de masas na Coruña mentres a mesma hora hai unha manifestación en apoio os refuxiados, en campaña valen máis os votos que as vidas.

1 galegoexiliado

Pois si, mentras alguns de preocupan polos venezuelos e polos árabes, outros se preocupan polos problemas dos galegos. Axuda aos invasores non cos meus impostos.