“O esforzo da ECIMAT contribuirá ao liderado de Galicia nas ciencias mariñas en Europa”

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla cumpre dez anos consolidada como un axente clave na investigación mariña galega e co obxectivo de converterse nun referente entre as grandes infraestruturas europeas das ciencias do mar. O seu director, o profesor Jesús Souza Troncoso, fai balance desta década de actividades na ECIMAT e fálanos dos grandes retos que ten por diante o centro.

Por Alberto Quian | Vigo | 20/06/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, ECIMAT, cumpre dez anos consolidada como un centro de referencia para a investigación mariña en Galicia. Co gallo deste décimo aniversario, o seu actual director, o catedrático Jesús Souza Troncoso, fai balance para GC desta década, valora a constitución do nodo español do European Marine Biological Resource Centre, EMBRC, xunto coa Universidade do País Vasco, e fálanos dos retos de futuro aos que se enfronta este centro da Universidade de Vigo.

Instalacións da Estación de Ciencias Marinas de Toralla (ECIMAT)
Instalacións da Estación de Ciencias Marinas de Toralla (ECIMAT) | Fonte: © Ramón Vaquero.

- A primeira pregunta, obrigada, é que valoración xeral fai destes dez anos de actividade da Ecimat.

- A valoración é moi positiva tras dez anos de traballo intenso. Poñer en marcha un centro desta natureza non é sinxelo, xa que se empezaba de cero e tívose que lidar dende varias frontes, dende os primeiros planos de construción do edificio ata a contratación dos primeiros integrantes do persoal, normas de funcionamento, utilización dos servizos, etc. En definitiva, organizar todo dende cero. Un proceso no que quero resaltar o magnífico labor do primeiro director, Ricardo Beiras, e de todo o persoal implicado, que grazas ao seu bo facer puxo en marcha ECIMAT.

- Teñen datos de recursos humanos, técnicos e económicos empregados nestes dez anos, e da produción científica?

- Este proxecto comezou co director e dous xefes de unidades e na actualidade na ECIMAT traballan 21 persoas. Ten catro unidades e atende máis de dúas mil solicitudes de servizo ao ano.

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) é un edificio modular, flexible e funcional a disposición dos investigadores mariños
A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) é un edificio modular, flexible e funcional a disposición dos investigadores mariños | Fonte: © Ramón Vaquero.

Os recursos económicos da ECIMAT totalizan aproximadamente 800.000 euros ao ano e proceden de diferentes fontes: financiamento propio da Universidade de Vigo para persoal técnico e custes operacionais; financiamento da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura e Educación que permite a contratación de persoal adicional e posibilita, entre outras, a participación de ECIMAT en EMBRC; financiamento procedente de convocatorias competitivas nacionais e europeas para infraestruturas e financiamento procedente de contratos de investigación con entidades públicas e privadas.

En canto á produtividade científica, na ECIMAT levan a cabo o seu traballo 15 grupos de investigación (aproximadamente 100 investigadores e investigadoras) que participan nunha media de 30 proxectos ao ano, por un importe total de case catro millóns de euros. Publícanse preto de 120 artigos científicos ao ano, dos que un 75 por cento se atopan no primeiro cuartil nas súas respectivas disciplinas. E da ECIMAT saen cada ano 15 novos doutores e doutoras.

"O mar está gravado na nosa identidade social e as actividades relacionadas con el sempre foron importantes impulsores da economía do noso país".

- No plano dos recursos técnicos, en que nivel se sitúa a ECIMAT?

- A utilización conxunta de instalacións foi dende o principio un dos principais eixos estratéxicos da ECIMAT. As instalacións de vangarda da estación mariña poñen ao dispor do persoal investigador as infraestruturas, equipamento científico e persoal altamente cualificados necesarios para acadar a excelencia científica. A participación nunha gran infraestrutura internacional como é o EMBRC obriga á ECIMAT a manter as súas infraestruturas á vangarda, pero ao mesmo tempo facilitará o acceso da ECIMAT a novas fontes de financiamento para a ampliación e renovación das súas infraestruturas.

- Como centro de apoio á investigación, cales son as vantaxes ou beneficios que aportou a ECIMAT á ciencia mariña en Galicia?

- O cambio climático, a seguridade alimentaria, as enerxías limpas e o benestar son algúns dos principais retos aos que se enfronta a sociedade actual. A resposta a gran parte deses retos está nos mares e, polo tanto, a investigación mariña é unha prioridade, e máis nunha rexión como Galicia, onde o mar foi historicamente unha fonte de riqueza e novos desafíos. O mar está gravado na nosa identidade social e as actividades relacionadas con el sempre foron importantes impulsores da economía do noso país. A ECIMAT leva dez anos contribuíndo a dar resposta a eses retos, dez anos de vocación mariña. O compromiso da Universidade de Vigo con Galicia e co mar permitirán dar continuidade a esa vocación durante moitos máis anos.

A colaboración e o input externo resultan fundamentais para o avance da ciencia. En ocasións, os investigadores e centros de investigación máis destacados tenden a colaborar en grupos xa consolidados, o que dalgunha forma dificulta o establecemento de novas colaboracións. O importante esforzo realizado pola ECIMAT en internacionalización está a permitir a interacción dos e das científicas mariños galegos con colegas internacionais e o establecemento de colaboracións que contribuirán ao liderado de Galicia nas ciencias mariñas en Europa.

"É o noso deber rendibilizar para a sociedade o investimento que se está a facer en nós".

- Cales foron os principais logros ou aportacións?

- Tras a inauguración e posta en marcha do centro, que xa de por si supuxo un fito para os investigadores mariños da nosa universidade, eu destacaría a consecución do apoio da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que permitiu á ECIMAT consolidarse como un axente importante na ciencia mariña galega. Como consecuencia deste apoio, xurdiu outro dos fitos no camiño da ECIMAT, a incorporación á infraestrutura europea EMBRC, que vai fomentar colaboracións, co conseguinte impacto no ecosistema galego do coñecemento, e vai pór ao alcance da ECIMAT o acceso a novas vías de financiamento.

Aparte disto cabe destacar a actividade científica da estación centrada en liñas de investigación da máxima prioridade tanto para Galicia como para Europa, como o cambio climático, as bioinvasións, a contaminación mariña, a sustentabilidade na explotación dos recursos, as enerxías limpas ou a acuicultura.

- Houbo tamén momentos difíciles?

- Por suposto. Nunha traxectoria de dez anos hai momentos mellores e peores. Unha organización non é máis que as persoas que a compoñen, e polo tanto para min os peores momentos foron aqueles nos que non se dispuxo da capacidade económica para facer fronte aos custes de persoal do centro. Para iso a axuda recibida da Xunta de Galicia ten sido fundamental e a continuidade desa axuda permitiranos seguir traballando para que a ECIMAT se converta nunha referencia europea en investigación mariña.

- Os obxectivos son os mesmos que hai dez anos ou fóronse reformulando?

- Co crecemento do centro os obxectivos foron mudando. A ECIMAT non pode senón aspirar a obxectivos cada vez máis ambiciosos para poder devolver á sociedade o investimento que está a realizar. A ECIMAT elaborou en 2008 unha primeira versión do seu plano estratéxico que foi revisada anualmente, sendo a súa última versión do ano 2014. Con o obxectivo de dar resposta aos retos aos que a ECIMAT se enfrontará nos próximos anos, en 2015 redactouse un novo plano estratéxico, que substitúe ao que se atopaba ata agora en vigor, tendo en conta o lugar que a ECIMAT ocupa na Universidade de Vigo e as principais políticas europeas, nacionais e galegas en materia de investigación. Os principais cambios no plano estratéxico céntranse na estratexia de crecemento internacional coa visión de que a ECIMAT se converta nunha referencia europea en investigación mariña.

"O desenvolvemento tecnolóxico está empuxando as fronteiras da ciencia a un ritmo nunca antes visto".

- É importante para a Ecimat a transferencia de coñecemento? Como o canalizan?

- Unha vez máis, é o noso deber rendibilizar para a sociedade o investimento que se está a facer en nós. Para iso, a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos representa unha das ferramentas máis eficaces. A ECIMAT centra a súa estratexia de transferencia na colaboración con axentes dos sectores produtivos (asociacións, centros tecnolóxicos, empresas) na procura de solucións aos problemas que se lles presentan. Estas colaboracións articúlanse habitualmente mediante a sinatura de contratos e convenios de investigación.

Existe ademais colaboración coa administración, tanto autonómica, como estatal e incluso europea, para a aplicación dos coñecementos xerados na investigación para a elaboración de recomendacións e incluso regulamentacións, sobre todo no referido á protección do medio mariño e os seus recursos. Por suposto que a publicación dos resultados da investigación contribúe á diseminación do coñecemento xerado e neste sentido a ECIMAT organiza e participa activamente en diversas actividades, xornadas, cursos para profesionais, que contribúen tamén a este obxectivo.

- A comunidade científica española acendou a alerta nos últimos anos pola fuga de cerebros e os recortes en recursos humanos, técnicos e económicos aplicados á investigación. Case toda a actividade da ECIMAT desenvolveuse en tempos de crise. Sendo un centro xurdido nos últimos anos de bonanza económica, como viviron de súpeto a chegada da crise nun centro novo e estratéxico coma este? E como imaxina a ECIMAT en tempos máis prósperos?

- A ECIMAT non é un centro de investigación ao uso. É un centro que presta servizo aos investigadores e investigadoras. Esta diferenciación ten a súa importancia, xa que o persoal propio da ECIMAT é persoal técnico, non persoal investigador. E neste sentido a crise non afectou dunha maneira importante á estación, debido a que conseguimos garantir fontes de financiamento suficientes para dar continuidade e incluso aumentar o noso persoal técnico. No que se refire a persoal investigador, e a pesar de que a Universidade de Vigo é unha institución economicamente saneada e solvente, as restricións á contratación impostas pola administración e motivadas pola crise, teñen afectado moito á incorporación de novos investigadores, é dicir, a pesar de ter capacidade económica para facelo, a Universidade de Vigo non puido facer as contratacións que tería desexado porque o marco normativo motivado pola crise non o permitiu.

En calquera caso é importante matizar que a mobilidade do persoal investigador resulta fundamental para o avance da ciencia e non debemos confundir fuga de cerebros con enriquecemento dos nosos investigadores con estancias en centros doutros países. O que é importante é o establecemento de mecanismos que nos permitan reincorporar estes talentos unha vez que a súa etapa de formación no estranxeiro conclúe.

A sustentabilidade de centros como a ECIMAT pasa pola excelencia e pola resposta aos problemas que afectan á sociedade e só facendo iso seremos quen de devolver o investimento que a sociedade fai en nós, pero estou convencido de que se o conseguimos non teremos problema en ter un abano diversificado de fontes de financiamento que minimice o efecto de posibles turbulencias económicas, que podan afectar a nosa contorna.

"A participación dos centros galegos en grandes infraestruturas de investigación europeas representa unha grande oportunidade para garantir a súa sustentabilidade futura".

- Nos últimos anos vimos un desenvolvemento frenético das novas tecnoloxías aplicadas ás comunicacións, á información, pero tamén á ciencia. De que xeito incidiron as novas tecnoloxías no traballo da ECIMAT e como se están implementando?

- O desenvolvemento tecnolóxico está empuxando as fronteiras da ciencia a un ritmo nunca antes visto. As novas ferramentas, desde as ómicas á observación vía satélite, permítennos hoxe explorar a práctica totalidade de ambientes mariños. Os avances en tecnoloxías de secuenciación de alto rendemento incluíndo a metaxenómica está permitindo a realización de estudos a gran escala dos ecosistemas mariños, proporcionando un acceso inédito e directo aos xenes mariños e os seus produtos. Estas novas aproximacións revolucionarán tamén a monitorización dos ecosistemas mariños, moitos dos cales están baixo ameaza inmediata de impactos antropoxénicos a nivel rexional e global.

A bioloxía está en medio dunha revolución impulsada polo desenvolvemento de novas especies modelo, o desenvolvemento e mellora das tecnoloxías computacionais para analizar enormes volumes de datos, promovendo avances moi importantes no noso coñecemento dos sistemas biolóxicos. Estes avances recentes permitirannos percorrer moito máis rápido o camiño que vai desde o descubrimento á aplicación, pero para iso será necesario conseguir mobilizar as infraestruturas e recursos humanos dedicados á ciencia mariña en Europa nun esforzo común a longo prazo. Os beneficios potenciais desta unión de recursos son inmensos e por este motivo a participación no EMBRC resulta estratéxica para a ECIMAT

- Que vai supoñer para o centro e os seus membros o EMBRC e que agardan del?

- O EMBRC é unha infraestrutura internacional de investigación identificada como estratéxica para Europa, como poden ser os aceleradores de protóns, os grandes telescopios ou os centros de supercomputación. A peculiaridade do EMBRC é que se trata dunha infraestrutura distribuída, é dicir localizada en diferentes puntos, o cal ten todo o sentido, xa que un dos seus obxectivos é o de dar acceso aos ecosistemas costeiros de toda Europa.

Desde o punto de vista científico, esta incorporación permitirá, aos investigadores mariños e persoal técnico da Universidade de Vigo acceder a infraestruturas de investigación mariña noutros países, á vez que abre as portas da nosa estación para que persoal investigador e técnico chegado doutros puntos de Europa poda traballar nela. Esta interacción non pode máis que enriquecernos e axudarnos a mellorar tanto científica como tecnoloxicamente e terá un importante impacto no ecosistema galego do coñecemento mariño. A participación dos centros galegos en grandes infraestruturas de investigación europeas representa ademais unha grande oportunidade para garantir a súa sustentabilidade futura, xa que nos permitirá acceder a consorcios en proxectos internacionais, acceder a fontes de financiamento ás que doutra forma non poderiamos aspirar.

- Cales son os grandes retos e desafíos da ECIMAT para os próximos anos?

- O principal reto da ECIMAT, como xa dixen anteriormente, debe ser sempre devolver á sociedade o investimento que está a facer en nós. A mellor forma de facelo é apostar pola excelencia e por dar resposta aos problemas da nosa sociedade apostando pola internalización, coa visión de que a ECIMAT se converta nunha referencia europea en investigación mariña. Para conseguilo debemos apostar por dispoñer do mellor capital humano, promovendo a excelencia investigadora mediante a formación continua do persoal técnico e investigador e particpando activamente nos programas de atracción e retención de talento existentes. Tamén debemos fomentar as actividades de divulgación científica, a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos e a implantación de mecanismos de avaliación a todos os niveis da organización. Temos que especializarnos na prestación de servizos de alto valor para a investigación mariña e cun alto potencial de transferencia aos sectores produtivos, mediante a implicación dos grupos de investigación que contan cunha traxectoria investigadora máis destacada. Demos ademais manter un alto grao de esixencia e mellora continua na calidade dos servizos prestados e fomentar a colaboración con investigadores doutras institucións dentro e fóra do país. E, por último, temos que investir en novas instalacións, que amplíen a capacidade actual da ECIMAT e que nos permitan afrontar con garantías os próximos dez anos de vida do centro.

Unha das áreas da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT)
Unha das áreas da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) | Fonte: © Ramón Vaquero.
Jesús Souza Troncoso.
Jesús Souza Troncoso.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A Ciencia non é neutral... Comprendo a complexidade que poden ter as cousas pero semella que a presenza do ECIMAT en Toralla "lexitima" os privilexios inexplicabeis desta illa roubada! Mentres Abel Caballero chantaxea á Zona Franca de Vigo para seguir retrasando o Campus do Mar (para facer a grada de Balaídos!) http://carlosprincipe.com/2016/06/2... /// Os COLONOS seguen violando a zona de servidume da lei de costas https://flic.kr/p/vQcy8E mentres MANTEÑEN A BARREIRA DA SEGREGACIÓN ! https://flic.kr/p/fcf84J // https://flic.kr/p/fceQS7