Convocada a manifestación antitaurina en Pontevedra para o sábado 9 de agosto

Coincidindo coa Feira Taurina, o colectivo reclama o fin dos malos tratos aos animais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/07/2025 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

O colectivo 'Touradas fóra de Pontevedra' convocou unha manifestación para o próximo 9 de agosto, ás 20.30 horas, para reivindicar a abolición total de calquera celebración relacionada coa tauromaquia e o fin de todo malos tratos animais.

A protesta faise coincidindo coa primeira das xornadas da Feira Taurina na capital pontevedresa. A mobilización conta co respaldo doutras entidades como: Irmandade Antiespecista, Loita Raposa, Activistas Galegas Antiespecistas (AGA Activistas) e o Santuario Vacaloura de protección animal.

Nunha rolda de prensa celebrada este martes, os organizadores desta manifestación fixeron un chamamento á cidadanía para que participe e mostre o seu posicionamento "contra os malos tratos animais e o asasinato de touros que se fai nesta praza todos os anos".

Os colectivos convocantes están convencidos de que "Pontevedra é unha cidade antitaurina claramente" e aseguran que "a maioría da xente que vén ás corridas de touros é xente de fóra", que se desprazan á cidade do Lérez porque é a única praza que queda en Galicia.

ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

Vicky Estévez, portavoz de Touradas fóra de Pontevedra, sinalou que estas asociacións animalistas están este ano "contentas" porque as rotondas da cidade están libres de carteis anunciando a feira taurina. Foi unha petición que realizaron ao Concello de Pontevedra, xa que consideraban que este tipo de publicidade debería estar prohibida nas glorietas ao ser dunha empresa privada sen ningunha relación con ningunha entidade pública.

Pola contra, expresaron o seu enfado coa Deputación de Pontevedra pola falta de explicacións á súa demanda de información sobre se a feira taurina da Peregrina recibe algún tipo de financiamento por parte da administración provincial.

Ademais, unha vez máis, estes colectivos animalistas sinalan a responsabilidade da Xunta de Galicia para que regule e prohiba este tipo de espectáculos na Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía. "Mentres esa lei non cambie, vai ser imposible facer nada", insiste Vicky Estévez.

En canto ao Concello de Pontevedra valoran positivamente que se "reduciu moitísimo" o diñeiro que achega a administración á empresa propietaria da Praza de Touros para celebrar outras actividades como o torneo da Feira Franca, pero reiteran que "ás persoas que maltratan animais non hai que darlles nin un duro". En todo caso, lembran ao goberno local que tamén están en contra desa xusta medieval "porque tamén nos parece malos tratos, os animais non están para que os usemos para nosa diversión".

Manifestación antitaurina organizada por Touradas Fóra de Pontevedra. Beatriz Ciscar - Europa Press
Manifestación antitaurina organizada por Touradas Fóra de Pontevedra. Beatriz Ciscar - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta