Sanidade alerta do aumento das temperaturas e recomenda máxima precaución á poboación de risco

Suben as temperaturas ata 35ºC nas Rías Baixas e Pontevedra entre martes e xoves; a hidratación é clave.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/07/2025 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade recomendou tomar precaucións e manterse hidratado --especialmente á poboación de risco, na que se atopan maiores de 65 anos, menores de catro e persoas con enfermidades-- ante o aumento das temperaturas que se esperan desde este martes ata o xoves. Tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, coa chegada dun anticiclón achegarase á Comunidade unha masa de aire cálida que ocasionará un lixeiro aumento das temperaturas no sur de Galicia.

Esta subida das temperaturas deixará máximas durante de 30º e 35ºC entre este martes 29 e o xoves 31 nas Rías Baixas e no Miño de Pontevedra. Por iso, o Goberno galego lembrou a importancia de beber máis líquidos sen esperar a ter sede; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas.

Así mesmo, respecto da vestimenta, recoméndase empregar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios recoméndase permanecer, se é posible, en espazos ventilados ou acondicionados, utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, aconséllase baixar as persianas e pechar as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar.

Con respecto ao exterior dos edificios, débense evitar, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducir a actividade física, procurar buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores nin a ningún animal de compaña. En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, Sanidade recomenda solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.

Un home maior bebe auga dunha botella nun día de intensa calor
Un home maior bebe auga dunha botella nun día de intensa calor | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta