Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/06/2016 | Actualizada ás 00:20
Nin as enquisas previas ás eleccións, nin as realizadas hoxe a pe de urna vaticinaban os resultados finais do 26X. En Galicia e no Estado sucedeu o mesmo que en Reino Unido, os inquéritos non deron pe con bola ou alguén quixo que non deran pe con bola. Estes comicios, a diferencia do que aconteceu hai seis meses deixan a un partido claramente reforzado, o PPdeG, e a outro tocado, En Marea.
PPdeG e En Marea son a cara e a cruz duns comicios nos que non todo foi o que parecía. Os galegos penalizaron, finalmente, a Podemos, Anova, EU e as mareas e reforzaron o liderato de Alberto Núñez Feijóo de cara a uns comicios que se celebrarán en menos de cinco meses.
Este 26X tamén deixa a un PSdeG reforzado baixo un novo líder. Xaquín Fernández Leiceaga, a pesar de ser discutido dentro do seu partido, consegue afianzarse como a alternativa a Feijóo para as vindeiras autonómicas, ao subir un punto con respecto ás eleccións de decembro, e volver situar ao seu partido como o segundo máis votado, tras o sorpasso de En Marea.
E na cara oposta están Ciudadanos e o BNG. O partido de Albert Rivera paga caro as diferencias mantidas na recta final da campaña e o cambio do seu candidato na Coruña, mentres que o BNG segue en caída libre e deixa polo camiño 1,5 puntos para quedar con menos dun 3% dos votos, nunha situación moi difícil de cara as vindeiras autonómicas.
O PPdeG mellora en todas as provincias
A gran abstención con respecto aos comicios de decembro favoreceu ao PP que mellorou a súa porcentaxe de votos en todas as provincias galegas, especialmente, en Ourense, onde volveu aos seus mellores tempos, case superando o 50% dos votos e sacando tres dos catro escanos en liza. Foi nesta provincia onde En Marea perdeu o seu escano, pasando de case o 18% dos votos, ao 15,5%.
De feito, os populares volveron facer gala da súa fortaleza nas zonas do interior. Como en Ourense, tamén en Lugo, este partido subiu cinco puntos para situarse en case o 48% da porcentaxe, aínda que non foi suficiente para recuperar o escano perdido en decembro pasado. Os socialistas mantiveron a súa porcentaxe de voto e En Marea baixou pouco máis de dous puntos.
Pero a baixada de En Marea foi xeralizada en todo o país. Conseguiu manterse como segunda forza nas provincias de A Coruña e Pontevedra, pero deixando polo camiño tres puntos con respecto aos comicios de decembro.
O PP sobe nas zonas urbanas
Tamén conseguiu o PP subir nas zonas urbanas, nas que sufrira un severo correctivo hai seis meses. Así, volveu alzarse co escano perdido da Coruña, aínda que nesta provincia foi a costa de Ciudadanos, que desaparece da política galega. E non foi tanto pola baixada da formación laranxa, senón pola suba de case 5 puntos do PPdeG. Unha suba que contrasta coa baixada de case 3,5 puntos de En Marea, que mantivo os seus dous escanos, e a pequena suba do PSdeG, de pouco máis de medio punto.
En Pontevedra, mantéñense os mesmos resultados que hai seis meses, aínda que con subas porcentuais de populares e socialistas e unha baixada de case tres puntos de En Marea. O PP obtén 3 deputados, En Marea, 2 e o PSdeG, 2. Nesta provincia, En Marea baixou case tres puntos, mentres que o PSdeG subiu 1 e o PPdeG, case catro puntos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.