Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 11/08/2025 | Actualizada ás 16:42
A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia confirmou en declaracións a Europa Press a existencia de restos de hidrocarburos na Lagoa de Antela no municipio de Sarreaus (Ourense), despois de que axentes ambientais executasen labores de inspección sen detectar "un risco grave para a flora, a fauna nin o medio ambiente".
Restos que, segundo indican, proveñen dunha draga semiafundida que se utilizaba para a extracción de area, pero que non supuxeron, polo momento, a "mortalidade da fauna ictícola, anfibios, réptiles ou aves tanto na propia lagoa como no contorno". Medio Ambiente recalcou que están a traballar para "localizar aos responsables/propietarios últimos desta lagoa", porque, afirman, o "coñecemento da titularidade destes espazos é vital para proceder co plan de naturalización e recuperación da lagoa".
O 'PRESTIGE DE SARREAUS'
Unha inspección que vén tras as reclamacións do grupo provincial nacionalista en Ourense que denunciaba o "Prestige de Sarreaus" ante unha "grave situación de deterioración ambiental por contaminación" causada pola presenza de "máis de 5.000 litros de gasóil" na embarcación parcialmente afundida. O portavoz do grupo provincial do BNG en Ourense, Bernardo Varela, lembraba que o abandono do barco débese a unha "explotación errada que terminou no ano 2009" e que "desde aquela permanece na lagoa sen control" converténdose nun "foco constante de contaminación" nunha das zonas naturais "máis sensibles da comarca".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.