Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2025 | Actualizada ás 21:18
A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) advertiu este venres que o 13% dos galegos afirma que sufriu depresión no último ano, "unha das comunidades autonómicas con maior impacto de patoloxías relacionadas coa tensión e a ansiedade".
Neste sentido, esta central sindical incidiu en que nos últimos cinco anos as baixas na comunidade por estas causas duplicáronse, afectando ao "1,5% da poboación asalariada", un resultado que "só e stá por detrás de Canarias". Así mesmo, alerta de que o aumento das baixas por tensións e ansiedade reflicte a "presión crecente sobre o sistema galego de saúde mental".
En relación cos 13% dos galegos que afirma sufrir depresión en pasado ano, os datos tamén demostran unha brecha de xénero significativa: "O 20,6 % das mulleres fronte ao 9,9 % dos homes presentan diagnóstico de trastorno mental".
RECOMENDACIÓNS
Por iso, CSIF recomenda que se aprobe un Real Decreto sobre riscos psicosociais e a actualización do cadro de enfermidades profesionais para incluír a síndrome do traballador queimado, o 'burnout', e outros trastornos mentais. Outras suxestións van no sentido de crear comisións específicas de saúde mental no traballo e "protocolos eficaces de acoso e violencia".
Así mesmo, incide en que é necesario "apoio psicolóxico gratuíto, accesibles e confidenciais", ademais dunha formación obrigatoria en xestión emocional e liderado saudable, protocolos de reincorporación progresiva tras baixas por saúde mental e "garantía de desconexión dixital".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.