Os ventos cambiantes e a proximidade aos núcleos urbanos dificulta o traballo dos equipos de extinción

A xefa de servizo de prevención, Sandra Martínez, alerta da complexidade dos lumes en Chandrexa, Oímbra e outros concellos, onde se prioriza a protección dos núcleos habitados.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/08/2025 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

A xefa de servizo de prevención de incendios forestais en Ourense, Sandra Martínez, sinalou con preocupación "os ventos cambiantes que empuxaron os incendios ás zonas dos pobos" e a proximidade do lume aos núcleos urbanos nunha nova xornada de incendios na provincia.

"Temos varios incendios de certa magnitude que aínda non están controlados, que se está traballando para a súa extinción e algúns deles teñen unha complexidade engadida", explicou Martínez desde a CECOP de Ourense.

En concreto, sinalou o incendio de Chandrexa de Queixa, que debido ao vento está a obrigarlles a "centrarse na protección dos núcleos de poboación que se sitúan na fronte do incendio" e a tentar "establecer unhas liñas de control o máis rápido posible".

Con respecto ao incendio de Maceda, tamén se están levando a cabo tarefas de protección, aínda que a súa evolución "é máis favorable e vai pendente dunha estabilización". O mesmo pasa na Mezquita, onde traballan nun plan de extinción que "pensan que nos próximos días pode permitir a súa estabilización".

Así mesmo, sinalou a situación "complexa" en Oímbra, ao ser un incendio que "ten moitos núcleos de poboación salpicados", con poboacións que albergan un número de persoas "moito máis elevado" que na zona norte. Ademais, sufriu "ventos fortes que cambiaban de zona oeste a leste" e que obrigaron aos medios a "ir saltando dun pobo a outro".

"Estamos a tentarnos adiantar o máximo posible coordinados con todos os dispositivos de seguridade, Garda Civil, Policía, bombeiros que nos están axudando e están a levar a cabo esas medidas, que na maioría dos casos están a ser confinamentos", apuntou Martínez. Con todo, agradeceu o traballo de todas as persoas implicadas, tanto do servizo de incendios como doutros organismos, e que "están a dar moito máis do cento por cento".

Varios servizos de emerxencia traballan na extinción do lume en Seixalbo, Ourense. Rosa Veiga - Europa Press
Varios servizos de emerxencia traballan na extinción do lume en Seixalbo, Ourense. Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta