Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2025 | Actualizada ás 20:07
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou este mércores diferentes zonas afectadas polos incendios forestais en Ourense, onde lamentou a "vaga de incendios devastadora" e criticou a "ausencia de políticas de prevención e de xestión sustentable do territorio".
Segundo trasladaron os socialistas nunha nota de prensa, o líder do PSdeG desprazouse a Ourense para comprobar sobre o terreo a evolución dos lumes na provincia, onde permanece declarado o nivel 2 de alerta.
Ademais, en varios puntos próximos ás zonas queimadas Besteiro falou con veciños para trasladarlles que os socialistas galegos están "á beira das persoas afectadas e dos equipos de extinción", sentindo, dixo, "a súa preocupación".
Tamén aproveitou para enviar unha mensaxe de ánimo e recoñecemento aos brigadistas que sufriron queimaduras no incendio de Oímbra, a quen desexou unha pronta recuperación, así como a outros compañeiros que resultaron lesionados durante os últimos días mentres participaban nos labores de extinción.
"Cada hectárea que arde é un anaco de nós que se perde", destacou Besteiro, pondo en valor a importancia do patrimonio natural e lamentando que as chamas acaben "con montes e biodiversidade que custaron séculos, e tamén con moitos proxectos de futuro".
"AUSENCIA DE PREVENCIÓN"
Así mesmo, o xefe de filas dos socialistas galegos sinalou que o "abandono do rural e a ausencia de políticas de prevención e xestión sustentable do territorio" son algúns dos factores que contribúen a sucesos como estes. "Ese baleiro é o caldo de cultivo para que o lume avance sen freo", expuxo.
Con todo, defendeu que mentres continúe a vaga de incendios é o momento de "estar á beira da xente e pór todos os medios para protexer e coidar a terra". A partir de aí, reivindicou "un plan de país, transversal e valente", co que enfrontar "a crise climática e evitar que se volva a producir unha traxedia como esta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.