Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/08/2025 | Actualizada ás 20:05
O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, chamou á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras a carta na que esta lle demandaba unha maior dotación de medios e contemplar a posibilidade de desprazar a Galicia a efectivos do Exército para combater os lumes.
Fontes de Medio Rural consultadas por Europa Press confirmaron que Grande-Marlaska contactou coa conselleira esta tarde e que lle trasladou que, no caso do Exército, a Unidade Militar de Emerxencias (UME), ten capacidade de mobilizalo e é á que correspondería dar o paso.
Sobre o resto de cuestións e demandas do Goberno que dirixe Alfonso Rueda, as fontes consultadas por Europa Press sosteñen que non se pronunciou. O Goberno galego fixo votos para poder ter canto antes sobre o terreo aos efectivos do Exército, sen que sexa preciso ir "de portelo en portelo".
MARGARITA ROBLES "RIGOR ANTE OS INCENDIOS"
A ministra de Defensa, Margarita Robles, reclamou "rigor" ao presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, ao redor dos incendios que afectan a varios territorios do país, despois de que o líder 'popular' acusase ao Goberno de "provocar" ás comunidades autónomas que están a xestionar esta "crise nacional" e pedise o despregamento do Exército.
"Eu entendo que aquí están as cámaras diante e se cadra pois hai unha parte de oportunismo, pero xa basta de improvisación e de descoñecemento. Traballemos todos xuntos", subliñou a ministra nunha entrevista na Sexta, recollida por Europa Press. A ministra defendeu que, desde o 1 de agosto, estas forzas interviñeron en 27 incendios, con 1.400 militares da UME despregados e 2.000 en labores de loxística. "Neste momento hai activos 12 incendios, que son os máis preocupantes", lembrou a ministra.
Neste sentido, Robles puxo en valor o labor que están a realizar os efectivos da UME, o Exército de España, en ocasións cun risco para as súas vidas. "Mentres uns falan, outros pon en xogo a súa vida para salvar ás persoas", apuntou a titular de Defensa. A ministra recalcou que o Goberno "estivo en todo momento en calquera sitio e en calquera ocasión" na que se lles requiriu. "Non se trata de saír moito nas fotos, non se trata de falar moito, trátase de actuar. Non se se o señor Feijóo está a facelo ou non", concluíu.
YOLANDA DÍAZ: "CENTRARSE EN APAGAR AS CHAMAS E DAR TRANQUILIDADE"
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, cualificou este venres de “dramática” a situación xerada polos incendios e pediu centrarse en “apagar as chamas” e dar tranquilidade ás persoas afectadas. Recordou que milleiros de veciños seguen con estradas e liñas de tren cortadas, polo que insistiu en que as prioridades agora son a seguridade e a estabilización da emerxencia, deixando para máis adiante a esixencia de responsabilidades políticas.
Díaz denunciou a precariedade do persoal de extinción, cun sector “absolutamente privatizado” e brigadistas que traballan en “condicións insoportables” por salarios de 1.300 euros. Apostou por servizos públicos e estables, con formación e recursos suficientes, e por unha política forestal preventiva durante todo o ano, con plantacións autóctonas e unha planificación que faga fronte á emerxencia climática. Tamén criticou que o PP estea “aliado cos negacionistas” do cambio climático.
A ministra agradeceu o labor dos bombeiros forestais, efectivos de emerxencias, xornalistas e persoal de transportes, así como a paciencia das familias afectadas. Amosou a súa solidariedade coas vítimas mortais dos incendios e coas súas familias, e advertiu de que, sen cambios estruturais na prevención e na xestión pública das emerxencias, a situación “será cada vez peor”.
RUEDA RECIBE A CHAMADA DE SÁNCHEZ
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, revelou que este venres recibiu a chamada do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para interesarse pola situación dos incendios que azoutan Galicia desde hai días.
"Reitereille a necesidade de contar con todos os medios posibles e comprometeuse a que o ministro do Interior (Fernando Grande-Marlaska) contactará coa Xunta para facelo efectivo", trasladou o xefe do Executivo autonómico, no seu perfil da rede social 'X'. "Agradezo a chamada e espero que se materialice canto antes", aseverou.
O REI EN CONTACTO CO GOBERNO POLOS INCENDIOS
O Rei Felipe VI mantivo esta semana contacto coa Xunta de Galicia para seguir de preto a evolución dos incendios que afectan a varias zonas do país, entre elas Ourense, unha das provincias máis castigadas polo lume. Os fogos xa arrasaron unhas 31.000 hectáreas en territorio ourensán, mentres continúan activos e sen control, provocando desaloxos e graves afeccións ao medio natural e á poboación. Segundo informou a Casa Real, o monarca está en comunicación permanente co Goberno e con distintas comunidades autónomas para recibir información actualizada sobre a emerxencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.