Última hora: Os incendios provocan problemas para fábricas como Stellantis por falta de subministros e corte de estradas

Situacións moi complicadas en Quiroga e na Mezquita co lume preto de pobos. As lapas obrigaron a cortar a A-52 e a N-525 na Gudiña.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 19/08/2025 | Actualizada ás 09:50

Comparte esta noticia

Un dos moitos incendios forestais rexistrados estes días en Galicia provocou importantes danos na nave de Autoneum, na Rúa, que é un dos provedores de Stellantis Vigo para a ensamblaxe das súas furgonetas, e o incidente xa tivo consecuencias na fábrica automobilística de Balaídos.

Vista da Empresa Autoneum queimada polo lume, no polígono industrial da Rúa, a 16 de agosto de 2025, na Rúa, Ourense, Galicia (España).. Rosa Veiga - Europa Press
Vista da Empresa Autoneum queimada polo lume, no polígono industrial da Rúa, a 16 de agosto de 2025, na Rúa, Ourense, Galicia (España).. Rosa Veiga - Europa Press

Así, a afectación nesta planta ourensá, sumada aos problemas loxísticos polos cortes nas estradas, traducíronse en dificultades de aprovisionamento de pezas para Stellantis, que obrigaron a suspender parte da actividade de produción, segundo informou a propia empresa. Esta circunstancia dáse tan só un día despois de que a fábrica viguesa retomase o traballo despois das vacacións estivais.

SITUACIÓNS COMPLICADAS

Continúa a loita contra os incendios que consumen Galicia, principalmente, a provincia de Ourense. Alí a situación segue descontrolada, con moitas poboacións en perigo, como a de Chaguazoso, na Mezquita, rodeada polas lapas. Tamén a situación é moi difícil en Quiroga. Tras conseguir salvar os núcleos de Bendollo e Bendilló, agora son os de Montefurado e Vilaster os máis complicados.

Tamén pola noite a situación foi moi complicada na Gudiña, onde se tivo que pechar, novamente, a A-52 e a N-525 en ambos os dous sentidos xa que unhas intensas lapas rodearon a autovía e mesmo ameazaron o propio pobo, pondo en perigo unha gasolineira.  A estrada está pechada entre os quilómetros 133 e 137.

Segundo informou o 112, aínda que a A-52 tamén sufriu cortes nesta zona durante a noite para facilitar as tarefas de extinción e garantir a seguridade dos condutores, xa se atopa completamente aberta á circulación. Por outra banda, en Pentes (A Gudiña), parte da poboación decidiu irse de forma preventiva polos seus propios medios, mentres que o resto confinouse nas súas vivendas durante as tarefas de extinción.

TRENS

A conexión ferroviaria entre Galicia e Madrid quedará interrompida durante todo o día polos incendios forestais. Así o comunicaron Adif e Renfe, unha decisión que obedece á situación desfavorable da vaga de incendios que azouta a comunidade desde fai algo máis dunha semana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta