Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/08/2025 | Actualizada ás 16:26
A Xunta introducirá diferentes melloras tecnolóxicas no procedemento para a identificación dos animais de compañía en Galicia co obxectivo de axilizar o proceso actual de rexistro dos exemplares e facilitar o labor dos veterinarios habilitados para realizar este tipo de trámites.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde pola que se habilitan na sede electrónica da Xunta dous novos procedementos administrativos do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) que permitirán por primeira vez realizar a presentación telemática das solicitudes de inscrición, modificación e baixa dun animal e de cambio de propietario.
Coa presentación electrónica das solicitudes evitarase a expedición e remisión de documentación física por parte dos veterinarios encargados da identificación dos animais de compañía, así como a revisión manual e individual posterior de cada un dos expedientes iniciados unha vez recíbense no rexistro.
Aínda que a habilitación destas solicitudes na sede electrónica non estará dispoñible ata o 22 de setembro, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático porá desde xa á disposición dos profesionais habilitados un manual de axuda que conta cun glosario de dúbidas frecuente e un vídeo tutorial que lles permitirá coñecer os novos procedementos en detalle, así como contar coas instrucións necesarias para facilitar a súa implantación.
Así mesmo, tamén porá a disposición dos usuarios un servizo de asistencia técnica mediante regiac.medioambiente@xunta.gal, para a resolución de dúbidas ou dificultades técnicas que poidan xurdir nun primeiro momento.
A habilitación electrónica deste procedemento permitirá xestionar de maneira máis áxil e eficaz as preto de 100.000 solicitudes de inscrición, modificación, baixa ou cambio de titular que tramitan anualmente os veterinarios habilitados en toda Galicia e permitirá acometer a modernización do procedemento de rexistro, facilitando o labor destes profesionais e axilizando en gran medida o propio trámite de inscrición.
Os cambios responden as demandas do sector e dos propietarios e transformarán o Regiac (creado en 2002 e que actualmente conta con máis de 817.000 animais identificados en toda a Comunidade) nun rexistro electrónico que automatizará os trámites de inscrición a partir da información facilitada polos veterinarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.