Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/08/2025 | Actualizada ás 17:34
Comisións Obreiras (CC.OO) reclamou intervir na "reemerxencia" da silicose en Galicia, que concentra máis do 30% dos casos de España, case a metade na provincia de Ourense. Tal e como trasladou o sindicato nunha nota de prensa, as cifras achegadas polo informe presentado este ano polo Ministerio de Sanidade, 'A reemerxencia da silicose en España', entre 1990 e 2019 a Comunidade rexistrou 1454 partes de enfermidade profesional por esta causa, o 32,9 % do total estatal.
Neste contexto, as cifras provisionais deste ano apuntan a un "novo máximo", xa que só no primeiro semestre rexistráronse 369 partes en todo o Estado, o 72 % do total. A este ritmo, o ano pecharía con máis de 650, superando "con moito" os 512 de 2024.
Así, tendo en conta que Galicia concentra máis do 30 % dos casos, a finais de ano poderían ser máis de 200 as declaracións desta doenza na comunidade autónoma, moi superior aos 128 de 2023 -- último dato mencionado no estudo do Ministerio --. En concreto, por provincias, Ourense concentra case a metade dos casos galegos (47,5 %), Pontevedra achega máis dun terzo (34,6 %), mentres que Lugo e A Coruña suman o 17,6 % restante.
CC.OO solicitou reformas normativas e preventivas para "mellorar a identificación e reconomiento destas patoloxías". Propón separar a cualificación da enfermidade profesional da xestión das prestacións para "evitar conflitos de intereses", reformar o papel das mutuas e crear modelos de alerta no sistema público de saúde que permitan diagnosticar patoloxías de orixe laboral.
Ademais, destacou que é "urxente" actualizar a listaxe oficial de enfermidades profesionais, incorporar os efectos das novas tecnoloxías e os riscos psicosociais, e aprobar un real decreto específico para a sílice cristalina, reducindo o límite de exposición.
Así mesmo, demanda reforzar a Inspección de Traballo, crear xulgados especializados, incrementar os recursos das fiscalías e recoñecer a figura do delegado de prevención territorial para garantir a acción preventiva en empresas sen representación legal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.