O Goberno reivindica o Pazo de Meirás como “lugar da memoria e da xustiza”

Fernando Martínez lembra que o inmoble xa está no inventario oficial, aínda que a súa declaración definitiva depende do recurso dos Franco.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/09/2025 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, reivindicou o Pazo de Meirás como “un lugar da memoria, da vitoria da xustiza e dos valores democráticos” nun acto celebrado no inmoble. A coincidencia coa publicación no Boletín Oficial do Estado da incoación do expediente para a súa declaración como Lugar de Memoria Democrática marcou a xornada. Martínez destacou que o pazo xa forma parte do inventario oficial, aínda que a súa declaración definitiva segue pendente pola vía xudicial, tras o último recurso presentado pola familia Franco.

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, no Pazo de Meirás, xunto a outros representantes institucionais, o día no que o BOE publica a incoación do expediente para a súa declaración como Lugar de Memoria Democrática. Gustavo da Paz - Europa Press
O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, no Pazo de Meirás, xunto a outros representantes institucionais, o día no que o BOE publica a incoación do expediente para a súa declaración como Lugar de Memoria Democrática. Gustavo da Paz - Europa Press | Fonte: Europa Press

O representante do Goberno central lembrou que a titularidade estatal do pazo é polo momento provisional, polo que calquera actuación para mellorar as condicións de seguridade ou ampliar as visitas está condicionada a unha resolución xudicial firme. “Cando o teñamos entraremos a lume de biqueira a traballar”, subliñou, incidindo en que certas zonas non poden abrirse ao público polo seu estado actual.

Martínez puxo en valor o papel das entidades memorialistas, historiadores e da sociedade galega no proceso que permitiu recuperar o pazo para o Estado, ao tempo que defendeu que o relato futuro de Meirás debe explicar tanto a súa vinculación coa escritora Emilia Pardo Bazán como o seu uso polo franquismo como lugar de poder e clientelismo. “Foi un triunfo colectivo, froito do consenso”, asegurou.

Non obstante, a xornada estivo marcada tamén pola protesta de colectivos como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que reprocharon falta de comunicación e cualificaron de “teatro” a visita institucional. Reclamaron un acceso público real e criticaron que aínda haxa limitacións para entrar a determinadas zonas, lembrando que “o Pazo de Meirás é do pobo galego” e debe ser de goce cidadán.

A XUNTA OFRECE COLABORACIÓN AO ESTADO

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ofreceu colaboración ao Estado en relación á declaración do Pazo de Meirás e as illas de San Simón e San Antón como Lugares de Memoria Democrática, aínda que admitiu que no caso de Meirás é menor a participación ao ser titularidade do Estado. A pesar diso, asegurou que lles gustaría un calendario de visitas para que fose "máis visitable" e dar resposta á "demanda social" a este respecto. En canto ás illas de San Simón e San Antón, lembrou que están cedidas á Xunta en canto á xestión, pero remarcou a importancia dunha interlocución dados os eventos que se organizan nelas.

Xa sobre os murais de Urbano Lugrís e a súa futura localización, manifestou que convocarán nos próximos días unha reunión con presenza do consistorio e a Deputación coruñesa, unha vez que os mesmos son propiedade da Xunta. Todo iso cando se teña a peritación solicitada e para tomar "unha decisión clara" de cara á preservación dos mesmos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta