Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/09/2025 | Actualizada ás 14:52
A Policía de Indonesia confirmou que o corpo sen vida de Matilde Muñoz, a galega de 72 anos desaparecida en Lombok o 2 de xullo, foi trasladado ata en catro ocasións polos presuntos asasinos, dous empregados do hotel onde se hospedaba, que admitirían os feitos segundo fontes locais. O cadáver foi finalmente atopado a finais de agosto nunha praia próxima ao lugar da desaparición.
A investigación continúa á espera dos resultados da autopsia realizada por médicos forenses do Hospital Bhayangkara Mataram, segundo informou o xornal 'Kompas'. As pescudas indicaron que, tras o asasinato, o corpo de Muñoz permaneceu catro días na sala de xeradores do hotel antes de ser trasladado á parte traseira do inmoble, onde estivo varias semanas.
Xa en agosto, os presuntos autores trasladaron o corpo a un terreo baldío próximo co obxectivo de dificultar a investigación policial, que xa seguía a pista da desaparición da vítima. Finalmente, o cadáver foi levado a unha praia próxima ao hotel, onde permaneceu enterrado ata ser localizado a finais de mes.
Matilde, nacida en Galicia e residente en Baleares, deixara de responder mensaxes e redes sociais a principios de xullo. Unha mensaxe enviada dende o seu móbil a unha empregada do hotel, na que afirmaba viaxar a Laos, foi considerada pola familia como unha coartada dos presuntos asesinos, xurdindo así as sospeitas de que podía ser vítima dun crime.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.