O alcalde de Verín podería enfrontarse a 6 anos de prisión e á súa inhabilitación por prevaricación urbanística

Seoane, que é, ademais, arquitecto de profesión, comparecerá o xoves 11 de setembro na Audiencia Provincial de Ourense acusado por realizar obras sen a autorización da Consellería de Cultura e sen licenza municipal na Igrexa de San Bartolomé (Verín), incluída no PXOM e no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 02/09/2025 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane (PSdeG), podería enfrontarse a 6 anos de cárcere (3 por delito de prevaricación e 3 por delito de ordenación) e á súa inhabilitación durante 12 anos por un delito de prevaricación urbanística en concurso medial cun delito contra a ordenación do territorio. Seoane, que é, ademais, arquitecto de profesión, comparecerá o xoves 11 de setembro na Audiencia Provincial de Ourense acusado por realizar obras sen a autorización da Consellería de Cultura e sen licenza municipal na Igrexa de San Bartolomé (Verín), incluída no PXOM e no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Segundo sinalou o escrito fiscal ao que tivo acceso Europa Press, o acusado "na súa condición de alcalde", procedeu á realización de obras en febreiro de 2019 na contorna da Igrexa de San Bartolomé, incluíndo traballos de demolición, levantado de formigón, escavación de gabias para a introdución de novas canalizacións de abastecemento de auga, saneamento e soterramento das redes de subministración eléctrica e iluminación pública e a execución dun novo muro que "non respecta a posición do orixinal".

O 20 de febreiro de 2019, un técnico do Servizo de Xestión Cultural da Xunta visitou as obras e emitiu un informe no que pedía ao Concello de Verín que paralizase preventivamente as mesmas por non contar co informe de Patrimonio ordenando, ademais, a presentación do proxecto. A Consellería de Cultura solicitou entón á Policía Autonómica que enviase a Gerardo Seoane a notificación do informe, pero este negouse a asinala e continuou coas obras "a propósito da ilegalidade das mesmas". Ademais dos 6 anos de prisión e da súa inhabilitación, Seoane podería, agora, enfrontarse a unha multa de seis euros diarios durante 18 meses.

Gerardo Seoane no río Támega
Gerardo Seoane no río Támega | Fonte: Prensa Concello de Verín - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta