Un sindicalista exhibe a bandeira de Palestina durante o discurso de Margarita Robles en Navantia

A ministra de Defensa agradeceu aos traballadores o seu esforzo e criticou a quen “aproveita calquera oportunidade para facer política”.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/09/2025 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

Un membro do comité de empresa de Navantia Ferrol sacou a bandeira de Palestina durante o discurso que a ministra de Defensa, Margarita Robles, pronunciaba este xoves no estaleiro con motivo da botadura da fragata F-111 'Bonifaz', a primeira da serie de cinco de programa F-110 que a entidade pública realiza para a Armada española.

Nun momento do seu discurso, a ministra de Defensa chamou ao atril aos membros do comité de empresa presentes no acto co que se iniciou a celebración da botadura do buque para entregarlles unha placa en recoñecemento ao seu traballo.

"En agradecemento a todos os traballadores e traballadoras de Navantia Ferrol que fixeron posible, co seu esforzo e dedicación, que a fragata F-111 'Bonifaz' sexa unha realidade e que hoxe poida celebrarse a súa botadura", indicaba o distintivo.

Nese instante, o delegado da CXT no Comité de Empresa, Xaquín García Sinde, aproveitou a súa presenza detrás da ministra, que interviña no atril, para sacar a bandeira de Palestina. Previamente, o sindicalista xa a luciu nun dos laterais do salón no que se celebraba o acto.

Tras darlles a placa, a ministra pediulle aos integrantes do comité de empresa que regresasen aos seus sitios para continuar a súa intervención. No seu discurso e despois deste feito, a ministra agradeceu o labor de todas as persoas "que traballaron" na fragata e que "non aproveitan calquera oportunidade para facer política".

"Porque a política que nos ten que unir a todos é a creación de postos de traballo, unha Armada moito mellor, unha Armada da que sentimos orgullosos", manifestou. "Hoxe vimos a Ferrol a pór en valor o esforzo, o traballo, a dedicación silenciosa, que non busca protagonismo, que non busca votos", dixo.

Momento no que un dos integrantes do Comité de Empresa de Navantia Ferrol saca unha bandeira de Palestina durante a intervención de Margarita Carballos
Momento no que un dos integrantes do Comité de Empresa de Navantia Ferrol saca unha bandeira de Palestina durante a intervención de Margarita Carballos | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta