Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/09/2025 | Actualizada ás 14:51
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, reclamou ao Goberno central que concrete o novo plan estatal de vivenda, denunciando falta de información e poñendo en dúbida que poida entrar en vigor en 2026. Fíxoo durante a súa comparecencia na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizo do Parlamento galego, na que desde a oposición criticouse as partidas autonómicas en materia de vivenda e se falou do "fracaso" das políticas do Executivo galego.
Sobre o plan estatal, García trasladou a "preocupación" da Xunta, indicando que só coñecen que prevé 8.000 millóns de euros e que se require ás autonomías achegar o 40% do financiamento. O secretario xeral anticipou que o plan "non vai estar operativo en 2026". Ao mesmo tempo, defendeu as políticas autonómicas, destacando a colaboración cos concellos para facilitar chan para vivenda pública e as axudas ao aluguer, ao tempo que reclamou ao Estado as transferencias correspondentes a Galicia, que "non chega ao 10%".
A oposición tamén criticou as políticas de vivenda da Xunta. A deputada socialista Lara Méndez considerou a actuación da Xunta "escasa" e denunciou deslealdade co Goberno central. Pola súa banda, a nacionalista Alexandra Fernández apuntou que non hai unha aposta real pola vivenda pública nin políticas territoriais claras, e denunciou a ausencia de medidas de rehabilitación ou de apoio ao despoboamento rural. Armando Ojea, de Democracia Ourensá, pediu atención ás demandas no municipio ourensán, mentres que María Deza, do PPdeG, defendeu á Xunta e criticou a falta de coordinación do Executivo central.
No ámbito das cooperativas, García respondeu ás preguntas do BNG sobre os cooperativistas de Xuxán afectados por cambios nas condicións económicas da xestora Galivivienda. O secretario xeral destacou que a Xunta asesorou aos cooperativistas para "defender os seus dereitos" e criticou ao Instituto de Crédito Oficial (ICO) e ao Ministerio de Vivenda por conceder condicións peores que a banca comercial. Rexeitou culpar á Administración galega e sinalou que a Xunta non defende á xestora, senón que asesora aos afectados.
Alexandra Fernández denunciou "prácticas escuras" por parte da xestora, indicando que o número de cooperativistas pasou de 224 a 149, e esixiu implicación da Xunta tras a subrogación nunha nova cooperativa. Remarcou que "o chan é da Xunta" e reclamou medidas efectivas para garantir os dereitos dos cooperativistas e a transparencia na xestión destes proxectos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.