Absolto, por falta de probas, un condutor de bus escolar acusado de abusar de catro menores

Na súa sentenza, o tribunal indica que os testemuños das denunciantes son "imprecisos" e os feitos relatados "improbables".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/09/2025 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu, por falta de probas, a un condutor de autobús escolar acusado de cometer abusos sexuais sobre catro mozas, menores de idade. Na súa sentenza, o tribunal indica que os testemuños das denunciantes son "imprecisos" e os feitos relatados "improbables".

Así, subliña que aínda que as nenas contaron que o acusado sentaba ao seu lado durante os traxectos no autobús e abusaba delas, a Audiencia explica que ningún usuario dos que estaban alí presentes, nin a coidadora que sempre os acompañaba, corroboran as súas declaracións. Ademais, engade que as restricións por Covid vixentes nese momento e a duración tan corta da operación subida ao vehículo pon en dúbida os feitos denunciados.

Os feitos denunciados ocorrerían en marzo de 2021. As mozas aseguraron que o home, cando entraban no bus, acariñoulles as coxas e sentou á beira delas nalgunha ocasión. Agora, a Audiencia absolveu ao home, aínda que cabe recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Entrada da Audiencia Provincial de Pontevedra
Entrada da Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Gustavo de la Paz - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta