Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2025 | Actualizada ás 17:44
O Tribunal Supremo (TS) confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condenou ao sindicato CC.OO. Galicia por vulnerar o dereito de folga de 15 avogados e graduados sociais do seu departamento xurídico, pero acordou minorar a indemnización para cada un, de 25.000 a 7.501 euros. O alto tribunal galego, sinalou que CC.OO. vulnerara o dereito á folga porque cominou aos seus traballadores mediante requirimentos a cesar na súa actividade folguística e a fixar uns servizos (non mínimos) unilateralmente. Tras a sentenza, o sindicato presentou recurso de casación e foi estimado parcialmente, de maneira que o TS mantén a resolución do TSXG en todos os seus pronunciamentos, excepto no importe das compensacións económicas a cada demandante, mentres que desestimou o recurso presentado polos traballadores.
Con respecto ao sindicato, este alegou que se produciu indefensión pola insuficiencia dos feitos probados na sentenza recorrida, e que dita resolución non reflicte o obxectivo perseguido polos requirimentos enviados aos traballadores, uns requirimentos que pretendían "garantir a seguridade das persoas e das cousas, e realizar calquera outra atención precisa para a continuación, tras a folga, da actividade empresarial". Pero o Tribunal Supremo sostén que a sentenza recorrida "non incorre nesta omisión" e que non se aprecia "insuficiencia de feitos probados", entre outros argumentos. Por iso, rexeita decretar a nulidade das actuacións e tamén rexeita a revisión de varios feitos probados ou a adición dun novo feito, reclamada polo sindicato.
Por outra banda, o TS considera "desproporcionada" a indemnización fixada polo TSXG e sinala que a axustada a dereito sería de 7.501 euros para cada demandante. Con respecto ao recurso dos traballadores, o Supremo concorda coa valoración do TSXG, e sinala que, aínda que se vulnerou o dereito á folga, non se vulnerou o dereito á liberdade sindical, ao non quedar acreditada a falta de apoio do sindicato por ter intereses contrapostos. Ademais, sinala que tampouco se vulnerou a dignidade nin a integridade moral dos traballadores, porque non se probou que houbese ameazas ou intimidación por parte do sindicato.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.