Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 11/09/2025 | Actualizada ás 15:43
O Ministerio Fiscal matizou a solicitude de condena do alcalde de Verín, Gerardo Seoane (PSdeG), que inicialmente o acusaba de prevaricación urbanística, a unha condena por prevaricación urbanística por omisión, mentres Segane apunta ao seu predecesor, Xoán Manuel Jiménez Moran, do Partido Popular, como denunciante dos feitos. "É unha denuncia anónima, pero ten nome, o do anterior alcalde de Verin", así o trasladou Gerardo Seoane no xuízo celebrado este xoves na Audiencia Provincial de Ourense. En concreto, o alcalde de Verín podería enfrontarse a 6 anos de prisión e á súa inhabilitación tras executar obras na contorna protexida da Igrexa de San Bartolomé, na localidade de Queirugás, sen a autorización de Patrimonio e sen licenza municipal.
O escrito fiscal inclúe a realización de traballos de demolición, levantamento de formigón, escavación de gabias de para canalizacións de abastecemento de auga, saneamento, e soterramento das redes de subministración eléctrica e iluminación pública e a execución dun muro que "non respecta a posición do orixinal", nunha contorna que constitúe un "ben inventariado" na PXOM de Verín de 2012 e no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. O avogado da defensa argumentou que "non se seguiu o procedemento habitual" en casos semellantes e insistiu en que a administración autonómica enviou unha "solicitude, non unha resolución", o que exime a Seoane de paralizar as obras. "Non foi un requirimento formal que implique ningunha obrigación para o alcalde, foi unha solicitude", explicou nas súas conclusións.
A continuación, a defensa recalcou que Seoane "non pode ser acusado" das obras de "demolición das vivendas na zona norte" nin do "levantamento do muro da vivenda lindeira" que foi executado por un veciño do pobo, tamén chamado a declarar. "Disparan e logo apuntan", lamentou o avogado defensor. Así mesmo, o dirixente municipal incidiu en que a demolición das vivendas da zona norte efectuouse antes do seu goberno, "polo anterior alcalde" e mantén que "é completamente consciente" do que fixo e de que o fixo "ben". Seoane insiste en que as obras se promoveron para "velar pola seguridade dos veciños" nunha intervención "menor", "de emerxencia" e "non programada", e recalca que levou a cabo unha actuación "completamente legal".
O alcalde de Verín destaca que "non é a primeira vez" que executa obras no municipio e "todas contaron coa autorización de Patrimonio" e engade que "para o que está adoitado traballar", son obras "menores" e "para o que non", son "maiores". Pola súa banda, a Fiscalía mantén que, como "arquitecto de profesión", Seoane "coñece" os procedementos para executar este tipo de obras e sinala que actuou "obviándoos" e "ocultándoo a membros da súa concello", e incide en que é "preceptiva" a "autorización" de Patrimonio para levalas a cabo. A fiscal destacou que, máis aló do que ratifica o alcalde, as obras "non son menores" e realizáronse "a propósito da súa ilegalidade" e "ignorando a solicitude enviada" pola Consellería de Patrimonio, e engade que, "canto menos", debería paralizar as obras, pero "finalizounas".
CHAMADOS A TESTIFICAR
Ao xuízo foron chamados a testificar, tamén, os dous policías autonómicos encargados de trasladar a solicitude de paralización de obras emitida pola Consellería de Patrimonio ao alcalde, quen a "rexeitou" argumentando que "se daba por notificado" tras recibir a solicitude por vía electrónica. Así mesmo, asistiron en calidade de testemuña os representantes legais das empresas que levaron a cabo as obras, Escave e Emi Álvarez, un arquitécto técnico superior que emitiu un informe a petición de fiscalía, o técnico de Patrimonio que visitou as obras e emitiu o informe inicial e unha arquitecta técnica que, a petitición do alcalde, desenvolveu dous proxectos de obra posteriores á súa finalización.
Da mesma maneira, testificou un veciño do pobo, propietario dunha leira lindeira coa contorna da Igrexa, que declarou levar a cabo a modificación do muro que se inclúe entre as obras executadas "por iniciativa propia". Tamén Sandra Quintas, que en 2019 era xefa territorial de Cultura e Turismo en Ourense, testificou alegando que "obras desta magnitude" requiren sempre "autorización de Patrimonio", porque "exceden o simple mantemento e conservación do ben". Acudiron, ademais, en calidade de testemuña a secretaria municipal de Verín ata o 2023 e o arquitecto do Concello desde 2001, que alegaron "non ter coñecemento con anterioridade" das obras en cuestión nin a existencia de "licenza municipal" que amaparase estas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.