Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/09/2025 | Actualizada ás 12:27
O PPdeG acusou á organización Galiza Nova de "cruzar liñas vermellas" e de utilizar espazos públicos para desenvolver unha "campaña de pintadas" que causan "un prexuízo económico" ao ter que empregar recursos públicos para a súa limpeza. Neste sentido, os populares sinalaron que "o vandalismo non pode disfrazarse de activismo".
En concreto, a deputada autonómica e presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, acusou directamente a Galiza Nova de actuar "coma se os espazos públicos fosen da súa propiedade", así como de "non representar á maioría da mocidade galega".
"Esta forma de actuar non representa nin á maioría dos galegos nin especialmente á mocidade. Porque a ninguén representa alguén que rompe co respecto, a dignidade e a educación. O que é de todos non é de ninguén e menos para estragalo", aseverou a popular.
Ante isto, os populares galegos anunciaron nunha nota de prensa que levarán ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para "rexeitar actitudes que buscan a apropiación dos espazos públicos mediante pintadas ou empapelados con símbolos e consignas de contido ideolóxico e partidista que representan actos vandálicos".
Por iso, instaron a todas as forzas políticas a "non incorrer neste tipo de comportamentos e condenalos publicamente cando se produzan, asumindo a responsabilidade compartida na defensa do respecto institucional e do uso responsable dos espazos públicos". Con todo, insistiron en que estes feitos "non constitúen unha forma lexítima de expresión política, senón actos que vulneran a legalidade e o respecto pola convivencia cidadá".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.