Galicia deixa morrer os humidais: do cultivo de ostra xaponesa en Ribadeo ao uso de escavadoras en Valdoviño

Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), denuncia a situación de moitos humidais galegos, mesmo dalgúns dos incluídos no listado Ramsar, e critica que "o problema está en que quen ten competencias (para protexelos ou recuperalos) non as exerce ou as exerce de xeito incompetente".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/09/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En Galicia, falar de humidais é falar de esquecemento. Espazos que deberían ser corazóns verdes de biodiversidade, sumidoiros naturais de carbono e refuxio imprescindible para aves e especies acuáticas, fican hoxe degradados, recortados ou directamente abandonados. Mentres Europa lembra que estes ecosistemas son dos máis castigados polas transformacións humanas dende o século XIX --perdéndose entre un 60 e un 70 % da súa extensión--, en Galicia a historia repítese: zonas húmidas que foron sinaladas como de importancia internacional polo Convenio de Ramsar viven hoxe un declive que ninguén semella querer deter. "A Xunta non fai nada pola súa conservación porque aquí entran en xogo moitos intereses", denuncia Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), quen lembra que foron décadas de secado, recheos e proxectos industriais os que arrasaron hábitats enteiros, e que hoxe a inacción segue a marcar o rumbo.

Ría de Ribadeo
Ría de Ribadeo | Fonte: XdM - Arquivo

Segundo explica, en Galicia hai actualmente seis espazos no listado Ramsar: a ría de Ortigueira e Ladrido; a ría de Ribadeo; a lagoa e areal da Frouxeira, en Valdoviño; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. "Ter todos estes espazos protexidos sobre o papel non está a servir de gran cousa", afirma González. No caso da ría de Ribadeo, declarada espazo protexido pola súa importancia como zona de invernada de aves acuáticas, as especies que motivaron a súa inclusión no listado Ramsar están en declive "pola destrución das pradeiras de zostera --planta acuática-- a causa do cultivo da ostra xaponesa e polos sucesivos dragados do peirao". Na ría de Ortigueira, recoñece, si hai un proxecto en marcha do Ministerio para recuperar unha marisma invadida, "unha actuación positiva, que de feito estaba contemplada entre as que pedimos as organizacións ecoloxistas hai anos".

A lagoa da Frouxeira en Valdoviño tampouco se libra. A súa catalogación como de importancia internacional non impediu que a Xunta reducise a superficie protexida, "con criterios non de conservación precisamente", recortando o perímetro inicial sen motivos ambientais. Mentres que o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo, ao estar declarado parque natural, resiste mellor o abandono, igual que acontece no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. Pero nos demais, engade o presidente da SGHN, "a situación é mala porque non se está a facer practicamente nada pola súa recuperación". Só cita como excepción a intervención na lagoa de Cospeito, onde se fixo unha recuperación parcial da mesma. "No resto dos humidais non se está a intervir de xeito oficial", asegura.

"NON SE ESTÁ A FACER NADA PORQUE ENTRAN EN XOGO MOITOS INTERESES"

Así, as agresións acumúlanse. Lembra casos moi graves como as concentracións parcelarias na lagoa de Traba, en Laxe, "que tiña unha importancia moi elevada para as aves, e que empeorou moito tras eses procesos". Ou a lagoa Sacra de Olives, entre Forcarei, A Estrada e Silleda, "afectada polas transformacións agrarias da contorna". "En grandes zonas de interese non se está a abordar unha prohibición nin unha conservación eficaces", resume. E un exemplo claro é, dende o seu punto de vista, a prohibición do uso de munición de chumbo nos humidais por parte dos cazadores autorizados. "A Xunta arrastrou os pés todo o tempo posible nesta cuestión, malia as advertencias reiteradas por parte do Defendor del Pueblo a instancias nosas, e aínda o segue facendo", denuncia González.

Lagoa e praia da Frouxeira, en Valdoviño
Lagoa e praia da Frouxeira, en Valdoviño | Fonte: Turismo de Galicia

A Sociedade Galega de Historia Natural chegou a propoñer que varias lagoas da Limia, incluída parte da de Antela, entrasen na listaxe Ramsar, pola súa relevancia para especies como a 'Erygium viviparum' (cardo de lagoa). Con todo, "non foi aceptado pola Xunta de Galicia, cando hai motivos sobrados para propoñelos, pero é necesario que os propoña a Xunta, que o Estado acepte, e que os leve á lista Ramsar". A crítica é clara: "Non se está a facer nada porque entran en xogo moitos intereses". E bota a vista atrás: "Houbo un período de secado terrible, non só en Galicia, tamén no resto de España e Europa, no que os humidais foron dos hábitats máis castigados polas transformacións humanas". Lembra como moitas zonas foron transformadas en terreos agrícolas, coma no caso da celulosa que se instalou en Marín (Ence) ou para ampliar portos.

"COMO XA PASOU, SE NON FACEMOS ALGO, HAI HUMIDAIS QUE PODEN PERDERSE"

"Esas transformacións levaron á desaparición dunha parte importantísima dos humidais a nivel mundial, comezando por Galicia", apunta. Agora, alerta, hai espazos que poden correr a mesma sorte. "Igual que aconteceu cos que xa se perderon historicamente, se non miramos por eles, hai humidais que poden chegar a perderse", di. E pon como exemplo o que acontece na ría de Ribadeo: "Os motivos polos que se declarou esta ría como humidal de importancia internacional están a desaparecer: a invernada de aves acuáticas está a reducirse", denuncia. No caso da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, engade, "é un humidal de importancia internacional no que se está empregando maquinaria pesada de xeito recorrente para manter urbanizacións ou paseos, algo que non se pode permitir de ningún xeito".

A situación evidencia unha falta total de vixilancia e de vontade política. "O que está na normativa, nesas declaracións internacionais, logo na práctica non se cumpre", denuncia o presidente da SGHN. O convenio Ramsar, lembra, o máximo que pode facer é incluír espazos no listado de humidais ameazados, pero o compromiso real ten que vir dende os Estados. "E aquí a quen temos que pedir que faga algo é á Xunta de Galicia e, nalgúns casos, tamén ao Goberno central, porque son zonas de dominio público marítimo-terrestre", asegura, incidindo en que "o problema está en que quen ten competencias non as exerce ou as exerce de xeito incompetente".

Algunhas das aves que se atopan na Lagoa de Antela
Algunhas das aves que se atopan na Lagoa de Antela | Fonte: Ecoloxistas en Acción
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta