Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2025 | Actualizada ás 12:13
O risco de pobreza ou exclusión social infantil (AROPE) caeu en Galicia ata o 16% en 2024, situándose como a comunidade autónoma española coa taxa máis baixa, xa que a media estatal é do 34,1%. Así o sinalou a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) na presentación do Informe de Análise da Enquisa de Condicións de Vida con Enfoque de Infancia en Galicia, no que se analizan os microdatos que ofrece dita enquisa.
Foi a especialista Débora Quiroga Terreros a encargada de expor as cifras, pondo en valor a "gran diminución" do risco de pobreza e exclusión social rexistrado en Galicia entre 2023 e 2024, baixando en 9,8 puntos porcentuais e pasando de ser a sexta rexión nacional con menor taxa á primeira. Ela lembrou que Galicia partía dunha situación "moi mala" en 2020, coa taxa "máis alta da súa historia" e por encima da media. Con todo, nos últimos anos deuse unha recuperación "moi importante", destacando o esforzo levado a cabo con políticas públicas para reducir a pobreza infantil.
No entanto, alertou de que estas políticas teñen que continuar, porque se finalizan ou se reducen, a tendencia podería reverterse. Respecto diso, durante a conversación falouse, por exemplo, da gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, que a Xunta puxo en marcha. Iso, segundo destacaron, axudou ás familias máis vulnerables a poder dispor dun servizo que de non ser así, sería máis difícil acceder a el.
Entre outras cifras, o risco de pobreza en menores de 18 anos tamén é o máis baixo de España, cun 13,5% fronte ao 29,2% estatal, caendo en 7,7 puntos entre 2023 e 2024 en Galicia. Ademais, o risco de pobreza severa é do 5%, o dato máis baixo da historia. Outras cifras "peores" son aquelas relacionadas coas carencias severas, como as familias con nenos que non poden permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano, cuxa cifra é superior á media nacional.
A pesar disto, Galicia é a "única" comunidade autónoma que presenta unha evolución favorable para poder alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) para 2030, con-4,2 puntos sobre o dato estimado para 2024.
PROPOSTAS DE MELLORA
Con todo, desde a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia propuxeron unha serie de melloras a pór en marcha para seguir avanzando na situación da infancia galega. Entre elas, destacaron a mellora no acceso á renda garantida da cidadanía, para que un maior número de fogares en risco poidan gozar destas prestacións. Tamén apuntaron a un investimento en educación e tempo libre para os máis pequenos, con medidas que axuden a compensar as desigualdades sociais.
Aquí, sinalaron o apoio á adquisición de libros de texto e medios tecnolóxicos ou promover actividades extraescolares. Tamén explicaron que as variacións na taxa de risco de pobreza infantil que sufriu en Galicia foron máis acusadas que na media estatal debido a que as axudas se cortan de forma "abrupta", esperando que isto non suceda de novo e se continúe pola senda actual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.