A Cámara galega pide reforzar a análise dos incidentes sanitarios e homoxeneizar os criterios nas reclamacións contra o Sergas

Reproches da oposición e rodete popular: o Parlamento valida as contas da Xunta e chama a axilizar indemnizacións en sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2025 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou instar á Xunta a "continuar traballando para mellorar e axilizar por parte do Sergas os procesos de reclamacións de responsabilidade patrimonial". Pide, en concreto que se faga, "reforzando a análise sobre os incidentes rexistrados e para avanzar no obxectivo da súa minoración, promover criterios homoxéneos que garantan unha maior calidade da instrución e regular o funcionamento da comisión de seguimento existente".

É unha proposta de resolución froito dunha transacción sobre a unha resolución presentada polos socialistas ao informe de fiscalización do sector público do Consello de Contas, e que saíu adiante co respaldo tamén do PPdeG. En concreto, foi aprobado con 49 votos a favor e 23 abstencións. Todo iso no marco do ditame e das propostas de resolución que recibiron luz verde na reunión da Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas, en relación cos informes de fiscalización do sector público contidos na Memoria de actividades do Consello de Contas de 2023, incluídos os de Conta Xeral correspondentes a 2022 e 2023.

CONTA XERAL APROBADA

Tanto o BNG como o PSdeG incidiron na "nefasta" xestión económica do PPdeG á fronte da Xunta que "evidencian" os informes do órgano fiscalizador, e reprobaron que se limite a "pasar o rodete" para que quede "aprobada" a Conta Xeral limitando o debate "ao mínimo" e sen apenas atender a ningunha proposta da oposición. Entre acusacións de reducir o debate a "un trámite de tres minutos", o pleno, coa maioría popular, ratificou a aprobación da Conta Xeral dos anos 2022 e 2023. A deputada Cristina Sanz (PP) defendeu a xestión da Xunta e celebrou: "Hoxe pómonos ao día porque non queda informe de fiscalización algún pendente de render".

Pleno do Parlamento de Galicia
Pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta