Galicia perde case 14.000 habitantes en 2015, con maior emigración exterior e interior, pero máis chegada de inmigrantes

Morreron 12.269 persoas máis das que naceron, cun saldo exterior positivo de 163 persoas, pero unha migración interior negativa en 1.882

Santiago de Compostela | 30/06/2016 | Actualizada ás 19:16 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Galicia perdeu 13.988 habitantes en 2015 fronte a 2014 ata quedar nun total de 2.734.656 residentes, segundo as cifras provisionais de poboación do Instituto Nacional de Estatística (INE), a 1 de xaneiro de 2016, publicadas este xoves.

Este descenso en Galicia do 0,51% da súa poboación é máis elevado que a perda do 0,02% de media do Estado e as sexta maior caída porcentual entre comunidades.

De feito, a cifra que se perde de residentes no conxunto das autonomías é de 11.142 persoas, menos que toda a baixada na Comunidade galega, que de 13.988.

A perda de poboación en Galicia débese a un saldo vexetativo negativo de 12.269 persoas -máis mortes que nacementos-, unido a que houbo un movemento migratorio a outras comunidades de 1.882 residentes máis dos que chegaron á Comunidade galega. Con todo, o saldo migratorio co estranxeiro é positivo, xa que viñeron 163 persoas máis das que se foron a outros países.

En detalle, en 2015 producíronse 9.989 emigracións a outros países dende Galicia, pero houbo 10.152 inmigracións dende o estranxeiro á Comunidade galega, o que bota ese saldo positivo de 163 persoas.

Os 9.989 emigrantes ao estranxeiro dende Galicia en 2015 son 850 máis que as 9.139 fronte a 2014, un 9,3%, se ben son 2.311 menos que as 12.300 que se chegaron a alcanzar en 2013.

En contraposición, os 10.152 inmigrantes chegados a Galicia procedentes do estranxeiro en 2015 son 1.332 máis que os 8.820 que entraron á Comunidade galega (+15,1%).

MÁIS GALEGOS MARCHAN A OUTRAS COMUNIDADES DOS QUE CHEGAN

No tocante á migración interior, en 2015 houbo 14.946 persoas residentes en Galicia que marcharon a outras autonomías, fronte ás 13.063 persoas que chegaron a territorio galego procedente doutras rexións.

Eses 14.946 migrantes a outras comunidades dende Galicia en 2015 son 221 máis que os 14.725 de 2014 (+1,5%). Así mesmo, as 13.063 persoas que viñeron á Comunidade galega dende outras autonomías son 289 máis que en 2014. (+2,3%).

DATOS ESTATAIS

A inmigración aumentou un 12,5 por cento o ano pasado, cando por primeira vez dende 2010, chegaron a España máis estranxeiros dos que marcharon botando un balance positivo de 38.317 novos habitantes, un 169% máis que en 2014. A saída de españois continuou: preto de 99.000 nacionais abandonaron o país en 2015, un 23% máis que un ano antes.

Así se desprende das cifras provisionais de poboación do Instituto Nacional de Estatística, segundo as cales a 1 de xaneiro de 2016 España contaba con 46.438.442 habitantes, 11.142 menos que un ano antes. En termos relativos, a caída foi do 0,02% fronte ao 0,13% de caída rexistrado en 2014 ou o 0,46% de 2013, polo que "se desacelera" a redución poboacional.

En termos xerais, a maior redución produciuse no grupo de 20 a 39 anos, con 389.662 mozos menos, e entre os menores de 10 anos, con 63.286 nenos menos que un ano antes. Tamén caeu nos maiores entre 65 e 69 anos, con 9.129 persoas menos.

Aínda que en xeral a poboación se reduciu, a de españois aumentou en 24.313 persoas polo proceso de nacionalidade española ao que se acolleron 114.207 foráneos. Os estranxeiros, pola súa banda, minguaron un 0,8 por cento e contaban a 1 de xaneiro de 2016 con 4.418.898 persoas, 35.456 menos que un ano antes.

O INE atribúe a esta caída que en 2015 morreron 2.753 persoas máis das que naceron e marcharon 8.389 persoas máis das que chegaron: rexistráronse 343.614 inmigracións dende o estranxeiro e 352.003 emigracións a outros países.

Con todo, se produciu un aumento do 12,5 por cento na inmigración, mentres as emigracións caeron un 12,1 por cento. Este saldo migratorio foi positivo en Madrid, Canarias, Baleares, Galicia e Ceuya e negativo no resto do país. Non obstante, son Baleares, Madrid, Canaria, Murcia, Navarra e Cataluña as únicas autonomías que viron crecer a súa poboación en 2015.

CHEGAN UN 10,2% MÁIS DE ESTRANXEIROS

En total, chegaron 291.387 estranxeiros o ano pasado, un 10,2% máis que en 2014, fronte aos 253.069 que marcharon, un 20,9% menos. Deixaron así o primeiro saldo positivo dende o ano 2010, con 38.317 novos inmigrantes, un 169% máis que ao peche de 2014.

Entre as 20 nacionais con maior fluxo migratorio, Italia (9.131) e Venezuela (7.992) presentaron os maiores saldos positivos, con máis inmigrantes que emigrantes, e Ucraína o maior incremento porcentual, cunha suba do 35,5%.

As principais nacionalidades dos inmigrantes o ano pasado foron non obstante a romanesa (28.889 recén chegados, aínda que 16.043 persoas máis marcharon), a marroquí (23.960) e a italiana (18.574).

Dos 253.069 estranxeiros que marcharon, principalmente poboación masculina entre 20 e 49 anos de idade, os grupos máis amplos eran de romaneses (44.943) e de marroquís (26.072), as dúas nacionalidades máis numerosas no país.

Nos 15 países de nacionalidade dos inmigrantes e a excepción de Paquistán, que rexistrou unha suba do 0,5%, baixaron as chegadas dende España, con maior intensidade en Ecuador (-0,62%), Bolivia (-58,2%) e Paraguai (-56,3%).

SOBE A EMIGRACIÓN DE ESPAÑOIS UN 23%

En canto aos españois, o fluxo tamén aumentou. O ano pasado marcharon 98.934, un 23% máis que en 2014, dos que 64.136 naceran en España. Mentres, regresaron ao país 52.227 nacionais, un 27,5% máis que no ano anterior, dos que en torno á metade naceran noutros países. Ao final quedou un saldo negativo de 46.707 persoas, o máis elevado dende polo menos 2010.

O INE detalla que destes españois chegados ou retornados ao país, un 51,3% eran homes e na súa maioría, procedían de Venezuela (7.591), Francia (4.760) e Reino Unido (3.522).

Pola contra, os principais receptores de emigración española foron Reino Unido, Francia, Alemaña, Estados Unidos e Ecuador, lugar ao que se dirixía fundamentalmente poboación nacionalizada e nacidos en España menores de 15 anos. En xeral, a emigración de españois concentrouse nos grupos de 25 a 44 anos.

O INE recolle por outra parte os movementos migratorios dentro do territorio nacional e sinala que Madrid, Canarias e Baleares presentou os saldos positivos máis elevados de todas as comunidades autónomas, mentres Castilla-La Mancha, Castilla e León e Andalucía viron máis cidadáns marchar que chegar dende outros territorios.

A NACIONALIZACIÓN CAE UN 44%

A estatística de poboación e migracións ofrece ademais un apartado sobre adquisición de nacionalidade española que revela que en 2015, a obtiveron un total de 114.207 estranxeiros residentes en España, un 44,5% menos que en 2014. O 70,1% obtivo a nacionalidade cumprindo requisitos de residencia e o grupo máis numeroso tiña entre 35 e 39 anos.

As nacionalidades de orixe máis frecuentes foron a marroquí (24.247), ecuatoriana (13.931), colombiana (11.872), boliviana (11.165) e dominicana (8.150), aínda que constan así mesmo 6.952 peruanos de orixe nacionalizados, xunto a cubanos (3.070), arxentinos (3.055) paquistanís (2.793), venezolanos (2.326) e brasileiros (2.274), entre outros.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA