Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2025 | Actualizada ás 14:00
A CIG cualificou de "moi maioritaria" a folga de profesores de centros educativos públicos galegos convocada este xoves, ao arranque do curso, e situou o seu seguimento por encima do 60%. Pola súa banda, a Xunta rebaixouno ao 14,8% e limitou a protesta á "liña estratéxica de confrontación" do sindicato nacionalista.
Unha xornada con normalidade e sen incidencias para a Consellería de Educación, pero cun "amplo seguimento" que fixo que as actividades educativas "non funcionasen con normalidade", en palabras da secretaria nacional de CIG Ensino, Laura Arroxo.
Xunto a ela, a secretaria de organización de STEG --que se sumou á convocatoria--, Comba Campoi, reivindicou que "este berro está resondando", ao comezo da manifestación en Santiago na que centos de persoas corearon consignas para esixir melloras á consellería.
"Existe un sentimento de cansazo, de hartazgo de todo o profesorado, que non sente valorado, que sente que non pode facer ben o seu traballo", destacou Campoy.
Pola súa banda, Arroxo resaltou "a unidade do profesorado" e asegurou que "se está vendo" tanto na marcha pola capital galega como "nas aulas baleiras". "O profesorado de todas as etapas está unido", incidiu, en referencia ao seguimento por parte de docentes de infantil, primaria, secundaria e FP.
En concreto, máis de 30.000 docentes de centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación estaban chamados a secundar o paro, convocado inicialmente pola CIG e secundado por STEG.
A XUNTA, "DA MAN DOS OUTROS SINDICATOS"
Para o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o motivo da protesta "xa é coñecido" e, aínda que dixo respectar o dereito á folga, hao circunscrito á estratexia da CIG "fundamentalmente, que é un do catro --sindicatos-- que forman a mesa sectorial".
"Desde o primeiro momento en que os novos responsables tomaron posesión e tamén os responsables autonómicos expuxeron como unha liña estratéxica do seu traballo a confrontación. Están no seu dereito", afirmou, a preguntas dos xornalistas durante un acto en Compostela.
Rodríguez resaltou que a Xunta traballa "nunha liña diferente" e aposta "por mellorar de forma constante" o sistema educativo. "E facémolo da man dos outros sindicatos que asinaron o acordo", subliñou.
"Ao final, o tempo dános e quítanos razóns a todos. O realmente importante nun sistema educativo son os resultados e as competencias dos seus alumnos", agregou.
Neste sentido, concluíu que en Galicia "afortunadamente o sistema evolucionou moi en positivo practicamente en todas as variables que miden a calidade e equidade dun sistema" e ironizou con que "se realmente nos últimos anos o que veu escoitando por parte da CIG fose verdade habería un sistema absolutamente desastroso e non é así".
"TODO O PROFESORADO UNIDO"
Desde a CIG, Laura Arroxo reivindicou que "todo o profesorado" alza a voz "contra os recortes que a Consellería de Educación leva mantendo nos 15 anos que leva no Goberno".
"Contra o desmantelamento da ensañanza rural, para reclamar que xa é hora de recuperar os nosos dereitos... Que se deixen de tanta propaganda, que non temos máis profesorado como eles din... Que os centros están asfixiados e levamos varios inicios de curso mendigando, os centros teñen que mendigar para que se lles dea un profesor máis, medio profesor máis... e iso non pode ser", salientou.
Así, reclamou "políticas a favor do público e de mellorar as condicións laborais do profesorado".
Por parte de STEG, Comba Campoy coincidiu en que a consellería "está a ir en contra" dos dereitos do profesorado e indicou que "son moitos meses de insistir, de chamar á porta da consellería (...) e chegou o momento de parar". "É probable que esta non sexa a última", avisou. "Sentimos acompañados e que este berro está resondando".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.