Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2025 | Actualizada ás 15:43
Unións Agrarias (UU.AA.) demandou á Xunta que amplíe o prazo de solicitudes de axudas para explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras polos incendios forestais deste verán. A organización agraria enviou esta petición ao Goberno galego na que expón que o prazo fixado ata o 1 de outubro "vai imposibilitar a presentación de peticións debido á gran cantidade de documentación que é necesario achegar para completar a solicitude".
Apunta que as granxas afectadas deben incorporar unha memoria, presupostos de diferentes provedores, documentación xustificativa da propiedade e pólizas de seguros, entre outros. "Nesta situación, e a tres días hábiles do peche do prazo, moitas persoas afectadas polos incendios de agosto non foron quen de completar o seu expediente", alerta. Ademais, chama a atención acerca de que a tempada de lumes "non terminou" e esta mesma semana rexistráronse incendios nas provincias de Lugo e Ourense.
Igualmente, Unións Agrarias require que se incorpore á orde de axudas os custos das pólizas dos seguros contratados polas explotacións afectadas con anterioridade á data dos danos producidos polos incendios, "xa que pola contra produciríase un efecto desincentivador da contratación de seguros agrícolas". Por outra banda, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, informou aos alcaldes dos municipios afectados pola vaga de incendios deste verán sobre o modo de solicitar as axudas estatais tras a declaración de zona afectada gravemente por emerxencia de protección civil, acordada en Consello de Ministros o 26 de agosto.
As axudas están dirixidas aos municipios de: Salvaterra, Arbo, A Cañiza, As Neves, Salceda de Caselas, Dozón, Agolada, Vilaboa e Oia, afectados por incendios declarados como emerxencia de nivel 2. Están dirixidas á reparación de infraestruturas e vías de comunicación municipais ou provinciais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.