Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2025 | Actualizada ás 22:00
A atención ao Alumnado con Necesidade Específica de Apoio Educativo (NEAE) e alumnado con Necesidades Educativas Especiais (NEE) en Galicia está en retroceso. Ou iso manifestan desde colectivos de pais e nais de alumnado e profesionais da educación primaria. Os recortes que a Consellería de Educación aplicou durante os últimos cursos en canto contratacións (contratos a media xornada e precarios) non son abondo para atender as necesidades do alumnado que presenta TDAH (transtorno por déficit de atención e/ou hiperactividade), TEA (transtorno do espectro autista), alumnado migrante que necesita aprender tanto galego como español para desenvolverse. Á parte disto, a rebaixa de 25 a 23 horas lectivas en primaria logo do acordo en 2024 entre Consellería de Educación e sindicatos (CCOO, UGT, CSIF e ANPE), non se traduciu nun incremento das contratacións de profesorado ou chamadas a persoal en listas de espera.
AUMENTO DE CASOS NEAE E NEE
O número de alumnado con necesidades específicas para a súa formación aumentou durante os últimos anos, segundo ANPAs Galegas. Isto débese á achega de alumnado inmigrante que, en moitas ocasións, carece das ferramentas comunicativas necesarias para o seu desenvolvemento educativo en no ensino primario e secundario obrigatorio. En relación a isto, os que máis problemas teñen son os equipos de orientación por teren que avaliar o número de horas e o tipo de especialista que debera abordar cada caso e, pola contra, non ven cubertas as prazas necesarias para atender ao alumnado con necesidades especiais.
“Que a Consellería de Educación estea apostando pola inclusión é falso” sinalan de ANPAs Galegas. Mesmo sinalan que o departamento de Román Rodríguez non ofrece datos sobre o número de nenos e nenas con necesidades especiais nin do número actual de profesionais para atendelos. Só algunhas ANPAs nalgúns centros recollen datos sobre estes puntos.
O problema fundamental con isto é que “o alumnado perde o seu dereito á inclusión” e isto agravouse co Acordo de Mellora Educativa asinado en 2024 por catro sindicatos e a Consellería de Educación. Segundo este acordo reducíanse horas lectivas para o profesorado en primaria mais en detrimento de horas dedicadas ao alumnado que necesitaba reforzo na súa formación. “Isto non ten sentido nun sistema público”.
Un exemplo de todo isto ofréceo o movemento 'MadreNEAE en Lucha' de Ferrol. Nun documento enviado á Consellería de Educación, denunciaba que na cidade o Colexio Ludy ten 180 alumnos, o mesmo número que no Colexio Belén, en total 360 alumnos. Dentro desta poboación educativa “un número sifnificativo destes alumnos presenta necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) como TDAH, dislexia, TEA e outras dificultades de aprendizaxe sen que actualmente exista un recurso de orientación estable e suficiente”. Por último, está a FP, onde “non existe a atención á diversidade”, por tanto o alumnado con necesidades especiais queda directamente sen atención.
Porén, desde a Consellería de Educación destacan que grazas ao acordo asinado coas organización sindicais CCOO, ANPE e UGT, "por primeira vez en España, unha comunidade autónoma computa por dous ou por tres ao alumnado NEE con discapacidade recoñecida, con dependencia ou con trastorno grave da conduta acreditada". Isto, segundo o departamento de Román Rodríguez, permite incrementar o número de profesorado de apoio naqueles grupos onde é necesario "grazas a este computo e realizar así desdobres de grupos ou co-docencia dentro da mesma aula". Andalucía parece ser outra comunidade que dá este paso.
NECESIDADE DE PTs E ALs
Os mestres de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) son profesionais en educación especial que atenden ao alumnado con necesidades ou problemáticas variadas. Estas dúas figuras están sufrindo actualmente un serio recorte debido a que non se cubriron todas as necesidades do alumnado para este curso en canto a inclusión. O problema déixase sentir de tal maneira que un ou unha mesma mestra destas especialidades pode estar traballando en dous centros, isto dividindo o seu horario e con itinerancias (desprazamentos entre colexios).
Educación destaca para este curso que haberá 1.000 coidadores "o dobre dos que había no curso 2008/09, cando tiñamos 463". Isto en canto aos centros ordinarios pois "tamén dispoñemos dunha rede de centros de Educación Especial para as familias que así o elixen. Tamén neste caso Galicia destaca a nivel nacional coa mellor ratio de alumno por aula: 3,3 fronte ao 5,2 estatal".
A necesidade destas figuras educativas baséase na necesidade de mellorar tanto a autonomía como a mellora en cuestións como escritura e lectura. Unha parte do alumnado que atenden é o que presenta TEA (Transtorno de Espectro Autista). A falta de PT e AL, crea situacións en que os profesores destes alumnos (que na súa maioría non son PT ou AL) deben prestarlles unha determinada atención dentro de aulas con 25 ou 30 alumnos.
A solución sería a incorporación de profesionais que desen atención a este alumnado de maneira individualizada, pois o feito de estaren inseridos nunha aula sen supervisión pode acelerar ou incrementar os seus estados de ansiedade, stress, cambios de comportamento e, daquela, o seu desenvolvemento curricular é máis difícil. Isto fai que pais e nais pregunten por que se retiraron os PT ou AL que estaban atendendo aos seus fillos.
Eva, profesora dun centro da Terra Cha que non dá o seu verdadeiro nome, apunta como as familias destes menores se queixan da falta de atención que necesitan os seus fillos e fillas. “Nós temos as mans atadas porque a falta de especialistas responde ás políticas aplicadas desde Educación”. Outra das consencuencias é que sen o apoio dentro do centro público aquelas familias que poden, pagan a atención especializada con profesionais privados. As familias con ingresos medio-baixos antes podían dispoñer de bolsas de apoio, mais estas axudas cada día teñen máis restriccións. A única explicación que se pode dar a todo isto é o recorte en orzamentos educativos destinados a atender o alumnado con necesidades especiais.
RESPOSTA EDUCACIÓN
Educación, pola súa parte, indica ter 5.000 profesionais dedicados para a atención á diversidade. Deles, ao redor de 3.000 son profesores de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL), "o que supón o dobre dos que tiñamos hai 15 anos, cando había uns 1.500. Non obstante, non debemos perder de vista que esta é unha tarefa colectiva, da que non se responsabiliza unicamente o profesorado especialista ou extraordinario".
Sobre as bolsas de apoio, a Consellería destaca que o ensino en Galicia é gratuíto. "Si podemos destacar que no que atinxe ás axudas á compra de libros de texto, o alumnado matriculado en Educación Especial (en centros específicos ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios) ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% recibe 300€, a máxima contía, con independencia da renda per cápita". O mesmo aplica para os "vales de material escolar, que son de 75€ nestes casos, tamén con independencia da renda".
Tanto mestres como pais e nais de alumnos están preocupados pola deriva que está tomando a atención á diversidade dentro das aulas. Os recortes, a falta de profesionais ou a escaseza dos mesmos impide a verdadeira inclusión nas aulas do alumnado con necesidades especiais. De aí que se demande desde sectores do ámbito educativo a contratación de profesionais especializados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.