Galicia crece a un ritmo "sólido" e o seu PIB quedará preto do 3 % do rexistrado no 2024 en 2025, pero preocupan os soldos

O Foro Económico ve "cada día máis difícil" que o proxecto de Altri sala adiante e pide que os orzamentos incidan en tecnoloxía e avaliación de resultados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2025 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O Foro Económico destaca o crecemento "prolongado, constante e sólido" de Galicia nos últimos meses, motivo polo que estima que rematará este ano 2025 cun aumento do seu produto interior bruto (PIB) "preto" do 3 % con que pechou 2024, "pero por baixo" desa cifra. En rolda de prensa, economistas do Foro presentaron o informe de conxuntura socioeconómica correspondente ao segundo trimestre de 2025. O seu coordinador, Fernando González Laxe, foi o encargado de definir a evolución da economía galega durante este período: "cun crecemento prolongado, constante e sólido", pero "zigzageante".

Este "zig-zag", que significa que por momentos se achegou e por momentos afastouse da evolución da economía española, debeuse, segundo González Laxe, ao comportamento do investimento privado e público en Galicia, que subiu, e ao aumento tamén do consumo dos fogares. Pola súa banda, as exportacións baixaron a súa contribución na comunidade, mentres que España creceu con base nas vendas ao exterior. Ao lado da oferta, o economista e expresidente da Xunta resaltou dous sectores: a construción, que crece por enriba da media en Galicia, e a industria manufactureira --co caso específico do aluminio e empresas como Megasa e Cortizo--.

No caso do consumo e o gasto dos fogares, sinalou que o seu menor incremento débese aos salarios, que presentan un "certo retraemento" e, desde unha perspectiva keynesiana, avogou por subir en empresas medianas e grandes. "Se as empresas optasen por subir soldos, o efecto multiplicador sería inmenso", afirmou. No relativo ás exportacións, comentou que Galicia segue incrementando as súas vendas fóra de automóbiles, produtos químicos e compoñentes de coches; en cambio baixan os produtos petrolíferos e o material de transporte coa circunstancia concreta de que o porto da Coruña é o que rexistra un peor comportamento no que vai de ano.

Pola súa banda, o director do Foro, Santiago Lago, valorou o "sorprendente" do bo comportamento xeral da economía galega nun momento de incerteza, e atribuíuno a unha maior resiliencia despois da crise da pandemia da covid. Así as cousas, valorou que Galicia "non ten desequilibrios" como si houbo no pasado, cando se xestaron as crises da construción e financeira, aínda que advertiu de que "o que está a pasar coa vivenda preocupa", e explicouno cun "desaxuste" entre oferta e demanda. "Aí hai que intervir", dixo.

A continuación, a preguntas dos xornalistas, Lago constatou que "cada día que pasa parece máis difícil" que o proxecto de Altri pensado para Palas de Rei sala adiante, con sensibilidades distintas dentro do Foro --sen posición común--. En calquera caso, o 'think tank' opina que "non ten ningún sentido" dicir "non a todo" e tampouco "si a todo". Por último, sobre os orzamentos da Xunta, que se presentarán as próximas semanas, Laxe indicou que, ao seu xuízo, deberían facer fincapé en tecnoloxía, "en sentido amplo": loxística, biotecnoloxía, tecnoloxía de alimentos, tecnoloxía da construción... son algúns dos que puxo como exemplo. Tamén avogou por maior coordinación dos centros de investigación. Pola súa banda, Lago incidiu en que é "fundamental avaliar resultados" das políticas públicas, fronte á "tentación da inercia".

MERCADO DE TRABALLO

O economista José Francisco Armesto Pina expuxo a parte do informe relativa ao mercado de traballo, na que resaltou tamén unha evolución positiva, sobre todo entre a poboación feminina. No segundo trimestre, chamou a atención, "mellora a calidade do emprego", tendo en conta que "todo o creado é indefinido", e por primeira vez desde hai anos a taxa de paro entre mulleres está por baixo da de homes. A contratación de mulleres focalizou sobre todo nun nivel formativo elevado, en servizos sanitarios e servizos sociais, sector inmobiliario, financeiro e actividades profesionais, entre outros.

Foro Económico presenta o seu informe de conxuntura sobre Galicia
Foro Económico presenta o seu informe de conxuntura sobre Galicia | Fonte: FORO ECONÓMICO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta