'El Patio Teatro' volve ao FIOT coa súa última creación, 'Entrañas'

Será este domingo 12 de outubro cunha "sofisticada e conmovedora peza de teatro de obxectos que explora o propio corpo".

Por Galicia Confidencial | Carballo | 11/10/2025 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Na súa terceira semana de programación, o FIOT segue sorprendendo. O pasado xoves 9 de outubro fíxoo coa proposta escénica "Empaque" da compañía Chicharrón Circo Flamenco na súa primeira visita ao festival. A súa mestura de circo, flamenco e humor puido verse no Auditorio do Pazo da Cultura.

Unha imaxe de 'Entrañas' de El Patio Teatro.
Unha imaxe de 'Entrañas' de El Patio Teatro.

Pola súa banda, El Patio Teatro regresa ao FIOT este domingo 12 de outubro, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura, coa súa última creación, "Entrañas", "unha deliciosa, sofisticada e conmovedora peza de teatro de obxectos que explora o propio corpo", definen dende a organización.

RÚA DOS CONTOS

Ta de ser, de Afundin Jamallos, presentouse este venres 10, ás 23.00 horas, no Patacón; e Aquí... Supercentráu, de Joaquín Pajarón, poderase ver o sábado 11, ás 23.00 horas, no Mercado Municipal. Ademais, en colaboración con Circo a Escena, a compañía vasca GANSO & Cía. aterrou no Teatro de Rúa do FIOT este venres 10 de outubro, deleitando a públicos de todas as idades con Welcome & Sorry, unha tola revisión de Shakespeare en clave de comedia xestual e clown contemporáneo.

PROGRAMA PARA A FIN DE SEMANA

Este sábado 11, antes da representación de Matres, o Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá a gala de entrega do premio Xograresa de Outono 2025 a Areta Bolado, da compañía A Panadaría.

Outra proposta, Titzina, regresa ao FIOT para presentar a lectura dramatizada do seu novo espectáculo en cernes, da man dos seus creadores Diego Lorca e Pako Merino, nunha actividade aberta a todos os públicos, con entrada de balde ata completar a capacidade da sala, que terá lugar a partir das 12.00 horas no Salón Social do Pazo da Cultura.

Este mesmo día bota a andar tamén, a VIII edición do Certame de Micro-Escenas M2, coa representación das creacións Domitila, de Amparo Martínez, e Katharsis, de Catuxa Leira, ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 h., en Interfilm Carballo e no Pazo da Cultura, respectivamente.

Xa o domingo 12, pola mañá, o FIOT propón un dobre plan en horario matutino: a ruta de senderismo Baldaio-Razo, da man de Senda Nova, desde ás 09.15 horas, e a función do FIOT en Ruta Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, de Mariña Lestón, ás 12.30 horas, na zona do parque infantil da Praia de Razo.

Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz.

As entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma   Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta