Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2025 | Actualizada ás 13:29
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou que a Xunta recibiu máis de mil suxestións a través do programa aberto para levar a cabo a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega. Tal e como trasladou o Goberno galego nunha nota de prensa, grazas aos contactos establecidos desde as 11 comisións de traballo conformadas por expertos en diferentes materias, chegaron máis de mil propostas, ás que hai que sumar as máis de 300 recibidas a través da caixa de correo dispoñible para a participación da cidadanía.
Algunhas das ideas formuladas, segundo incide a Xunta, remarcan a necesidade de "prestixiar a lingua e facerlle entender á sociedade que é un idioma útil e importante, desmitificando certas crenzas", ou a garantir a presenza do galego nas tecnoloxías (aplicacións, buscadores, asistentes de voz) e no ámbito dixital promovendo contidos en galego desde a produción ata a propia publicidade.
Nesta liña, as propostas tamén se centran nas industrias culturais, apostando por potenciar a programación de contidos en lingua galega ou asegurando axudas para dobraxes e eventos musicais en galego. No ámbito educativo tamén hai suxestións sobre o decreto de plurilingüismo, que vai desde a derrogación a que se poidan impartir en galego todas as materias (especialmente as científicas) en Primaria e Secundaria).
Agora, toda esta documentación está a ser analizada pola comisión técnica designada para guiar a renovación do Plan, coordinada polo académico Manuel González González. Esta información súmase aos datos sobre a lingua publicados polo Instituto Galego de Estatística ou dos extraídos da Enquisa de percepción social do galego realizada a 1.200 familias con fillos en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria. Tamén, incluiranse na avaliación outros informes proporcionados por entidades como o Consello da Cultura Galega, unha das primeiras institucións coas que se mantiveron consultas por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para desenvolver este proceso.
Neste sentido, García sinalou que os resultados obtidos "coinciden en gran medida" cos bloques nos que se dividen as mesas de traballo para a renovación do Plan, o que indica, "que están no camiño correcto en consonancia coas cuestións nas que fai fincapé a sociedade". Así, García mostrouse satisfeito coas suxestións recibidas "en clave positiva", que viran ao redor do ámbito da administración, a educación, os medios de comunicación, as tecnoloxías, os dereitos lingüísticos, a economía ou a familia.
Desta maneira, algunhas ideas inciden na necesidade de "prestixiar a lingua" e facerlle entender á sociedade que é un "idioma útil e importante". En canto ao que ten que ver coa administración, avogan por garantir a versión en galego dos programas informáticos, formularios ou aplicacións, usalo nas notificacións oficiais, ou insistir na formación do persoal. Con todo, o proceso afronta a súa última fase e prevese cara a final de ano a redacción definitiva do texto por parte da comisión técnica.
POLÍTICA DESGALEGUIZADORA
Por outra banda, o pleno do Parlamento de Galicia rexeitou unha moción pola que os nacionalistas pedían á Xunta medidas concretas que para "reverter" a situación do galego e loitar contra unha educación e unha política lingüística que, neste momento, é "desgalleguizadora". O PP, pola súa banda, defendeu o modelo da Xunta, "realista e eficaz".
A deputada nacionalista Mercedes Queixas, encargada de defender a moción, lamentou que o galego afronta "o peor momento da súa historia", tanto respecto do seu coñecemento como ao seu uso social. Ante isto, animou ao Goberno galego a "colocar os dereitos lingüísticos dos galegos por diante dos prexuízos e do auto-odio característica da política lingüística do PP".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.