Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 04/07/2016
Título: I.D.; Autora: Emma Ríos Editorial: Astiberri; Ano: 2016
Ambientada nun contexto sutilmente futurista, I.D. narra a historia de tres personaxes que desexan someterse a unha operación cirúrxica para obter un corpo novo. Non buscan unha mellora estética senón que queren trasladar a súa consciencia a un corpo diferente. Ríos constrúe o relato arredor do diálogo entre os tres personaxes, unha conversa desigual que lle permite ao lector coñecer os motivos dun, deducir os doutro e aventurar os do terceiro. A acción desenvólvese nun contexto convulso, no que as pantallas de televisión devolven imaxes de violencia contra o poder mentres na rúa as protestas cidadás rematan en enfrontamentos directos coa policía. A desconformidade e o desexo de cambio aparecen descritos coma un fenómeno global, que afecta á sociedade na súa relación coas institucións e ao individuo en relación co seu propio corpo. A crise das identidades individuais e o desexo de transformación social serían dúas expresións dun mesmo fenómeno. Sorprendentemente, malia estaren os conflitos de identidade na cerna do relato, estes apenas aparecen formulados de forma explícita, en contraste coa minuciosidade con que se describen os procedementos médicos que posibilitarían un transplante de corpo. O enérxico aparello visual de Ríos transmite máis sensacións que ideas. Deliberadamente?
Co paso dos anos, Ríos foi depurando a súa técnica narrativa ata acadar un xeito de contar persoal e facilmente recoñecible. En I.D. atopamos abundantes marcas de estilo da autora coma os silencios expresivos, a proliferación de pequenos detalles encapsulados ou os planos cenitais. De trazo áxil e aberto, as súas figuras non precisan axeitarse a modelos canónicos de beleza para gozar dunha singular elegancia. É probable que o máis destacado do desenvolvemento gráfico deste novo traballo sexa a elección dun coloreado en gamas de vermello, no que o predominio dos tons rosados adozan o debuxo anguloso de Ríos. O resultado é menos exuberante que Pretty Deadly, máis frío e cerebral porque así o demanda a historia, pero non menos atractivo visualmente.
Entre 2001 e 2011, os integrantes do colectivo Polaqia, ao que Emma Ríos pertencía xunto a autores coma David Rubín, Kike Benlloch, José Domingo ou Manel Cráneo, articularon un proxecto colectivo radicalmente persoal no que a independencia creativa viña da man da autosuficiencia editorial: eles creaban e eles publicaban os seus propios cómics. A traxectoria recente de Ríos demostra que a autora segue a guiarse polos mesmos principios aínda nun mercado tan diferente coma norteamericano. Con I.D., Ríos desenvolve un proxecto á medida dos seus propios intereses, cuestionando os camiños preestablecidos do mercado editorial norteamericano e creando ela mesma os medios que precisa para achegar a súa obra ao lector. Todo un exercicio de personalidade creativa e de confianza en si mesma que cómpre recoñecer.
Eduardo Maroño
Coruñés, do Barrio de Monte Alto, vai para dez anos que escribe sobre cómics en lugares diversos: no seu blog Un ollo de vidro, na páxina culturagalega.org, onde asina a columna Paisaxes de papel, no xornal Praza Pública, e tamén en Galicia Confidencial. Este será un espazo para falar de banda deseñada, as súas obras e os seus autores, de Galicia e do resto do universo.
Le máis artigos de Eduardo Maroño aquí.